A Concellería de Educación do Concello de Ourense pon en marcha a Escola Municipal Continua de Ourense 2024, con medio cento de propostas formativas e de lecer dirixidas ás persoas adultas empadroadas na cidade. Na páxina web do Concello pódese consultar a relación completa de actividades, coas súas datas e horarios. Mañá, xoves, abrirase o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar a preinscrición, nun máximo de 4 actividades. Poderán facelo en liña, até o día 29 de febreiro, a través da páxina web do Concello de Ourense.
As actividades están dirixidas a persoas maiores de 18 anos, empadroadas no Concello de Ourense. Para adxudicar as prazas terase en conta a orde de entrada das solicitudes, e terán prioridade as persoas paradas, xubiladas ou amas de casa, en primeiro lugar, estudantes en segundo lugar e traballadores/as en activo, en terceiro.
A preinscrición será en liña, cubrindo un formulario que estará dispoñible na web do Concello. Se algunha persoa necesita axuda, pode dirixirse á Concellería de Educación, na rúa da Canle, número 6, ou no teléfono 988388136. Son en total 52 propostas en materia de formación, novas tecnoloxías, cultura do deporte e da saúde, arte e creatividade ou medio ambiente. O prezo de matrícula é 33 euros, que se aboarán no momento de confirmación da admisión.
Toda a información en https://ourense.gal/gl/obradoiros/