O Concello de Ourense presentou esta mañá as candidaturas oficiais da cidade para acoller as sedes das futuras Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial e da Axencia Espacial Española, que prevé poñer en marcha o goberno estatal de forma descentralizada. As propostas da cidade contan co apoio de todos os grupos políticos no Concello, que aprobaron por unanimidade as dúas candidaturas ourensás no pleno do pasado venres.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, confía nas posibilidades da cidade nestas convocatorias, e moi especialmente no caso da Intelixencia Artificial: “Cumprimos todos os requisitos e somos os mellor posicionados de España”, asegura, ademais de dispoñer “dun espazo espectacular para comezar chave en man, que é La Molinera”. Porén, o alcalde entende que “vai ser difícil, porque vai ser unha decisión política, na que ao mellor non se seguen os criterios de obxectividade necesarios, como xa non os seguíu a Xunta de Galicia cando non apostou por Ourense e inclinou a balanza a prol da Coruña de forma inxusta”. O alcalde agarda que “o Goberno español non sexa tan inxusto coma a Xunta, siga os requisitos técnicos e lle asigne a Ourense unha das dúas, aínda que sabemos que somos favoritos nese sentido na da Intelixencia Artificial claramente”
Os acordos do pleno do pasado venres recollen tamén os compromisos do Concello para facilitar o emprazamento en Ourense destas axencias mediante a cesión gratuíta do espazo que acollería a sede deste novo órgano e unha achega económica dun millón de euros para asumir custos financeiros da súa posta en marcha en Ourense.