Os traballos consistiron basicamente na realización dunha poda de seguridade, descargando ramas das árbores e saneando aquelas que se atopaban en mal estado. Tamén se sustentaron ramas con cableado para garantir unha maior seguridade.
A causa das roturas de ramas precedentes, entre elas as guías centrais, as ramas laterais máis baixas das árbores creceran dunha maneira predominante, amosando unha estrutura moi aberta, con ramas moi longas que exercían un efecto panca moi elevado. Esta formación, de copa moi aberta e con ramas moi expostas aos ventos dominantes, orixinaba unha situación de perigo moi alto de rotura para este inverno, máis aínda tendo en conta as roturas previas.
O traballo executado polo Concello seguiu dúas estratexias diferentes e complementarias. Por unha banda, a poda de redución das devanditas ramas laterais e, por outra, a sustentación das ramas por medio de ancoraxe dinámica. O cableado permite movemento das ramas pero evita a caída en caso de rotura, xa que a rama queda suspendida. Á súa vez, ao ter un punto máximo de movemento na grande maioría dos casos tamén evita a rotura pois o esforzo biomecánico non chega ao seu punto máximo. Doutra banda, a redución das ramas permite que a árbore teña unha estrutura máis reforzada e segura.
Proximamente, o Concello axardinará os parterres deste espazo público.