O edificio de Policía Local, na rúa Victoria Kent 1, foi acondicionado para a mellora das súas instalacións nos últimos meses. O custe, de 389.945,97 euros (IVE incluído), foi asumido pola Concellería de Servizos Xerais, e servirá para evitar as deficiencias no bombeo do aire acondicionado, no desaloxo de augas e na impermeabilización de diferentes espazos.
As actuacións máis importantes foron as de impermeabilización da terraza exterior, cuberta por lousado, e baixo a que se instalou un complexo sistema de bombeo de auga e novos cadros eléctricos. Tamén se actuou na fachada, que conta cunha nova capa de pintura hidrófuga para evitar as filtracións. As augas tamén causaban problemas no interior do edificio, polo que se instalaron bombas de achique novas.
Os vestiarios e a sala de tiro tamén sufriron importantes reformas coa instalación de novos paneis de la de rocha de 50 mm para o seu total illamento e insonorización, así coma unha nova bomba de aire acondicionado.
Os concelleiros Manuel Álvarez, de Servizos Xerais, e María del Mar Dibuja, de Seguridade Cidadá, visitaron as instalacións esta mañá da man da intendente xefa, María Barrera.