A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, as obras do proxecto de mellora da accesibilidade e mobilidade na rúa Rosalía de Castro, no barrio da Ponte, coa correspondente aprobación do prego de condicións económico - administrativas polo importe de 1.827.811,19 euros, IVE engadido. O proxecto prevé a construción dun ascensor inclinado que salvará o desnivel existente entre a rúa Ribeira de Canedo e a rúa Mercado, que actualmente están comunicadas a través dunhas escaleiras de forte pendente. O goberno municipal prevé que as obras comecen a principios do próximo ano 2023.
Na mesma sesión, a xunta local aprobou tamén a modificación da capacidade e condicións de acceso ao espazo termal de uso lúdico e gratuíto da Burga de Canedo, en Outariz. A xunta local abordou a modificación da capacidade e condicións de acceso ao espazo termal de uso lúdico da Burga de Canedo, en Outariz, nos seguintes aspectos:
- Eliminar a limitación de horarios de acceso, así como a regulación por quendas para acceder ao espazo lúdico termal da Burga de Canedo.
- Establecer a recomendación xeral de non facer uso dos vasos termais durante máis de 30 minutos diarios.
- Establecer en 90 minutos ao día o límite máximo de tempo de permanencia no recinto delimitado para o espazo termal da Burga de Canedo.
- Establecer a obriga de contribuír á tranquilidade do espazo lúdico termal, mantendo baixos os niveis xerais de ruído e conversación.
- Establecer a prohibición de bloquear ou invadir as zonas de provisión de auga termal dos distintos vasos, así como as escaleiras e demais vías de acceso a estes.
- Establecer a idade mínima de acceso e uso dos espazos termais en 10 anos, debendo acreditar o cumprimento, nos casos que así fose requirido, mediante o correspondente documento de identidade.
- Establecer as capacidades máximas dos vasos termais da Burga de Canedo tal e como se detalla a continuación:
* Vaso 1: Capacidade máxima de 50 persoas
* Vaso 3: Capacidade máxima de 30 persoas
En consecuencia, o máximo de persoas usuarias dentro do recinto delimitado para o espazo termal da Burga de Canedo en ningún momento pode exceder das 80 persoas.