O Concello de Ourense reforza o cadro de persoal da Policía Local coa incorporación de 15 novos efectivos. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, e a xefa de Policía Local, María Barrera, asistiron á toma de posesión dos novos funcionarios, que se incorporan ao Concello logo de superar o proceso selectivo desenvolvido polo Concello. Con eles, a Policía Local de Ourense suma un total de 118 profesionais: 14 mandos e 104 axentes.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome destacou que a chegada dos novos axentes supón “a maior incorporación de policías locais das últimas décadas na cidade, aumentando nun 15% o cadro de persoal da Policía Local. Tiñamos un déficit e agora estaremos cun número bastante máis axustado ás necesidades da nosa cidade”.
Pérez Jácome subliña que a chegada dos axentes redundará nun aumento da calidade de vida na cidade, na medida en que a maior presenza policial nas rúas proporciona “un plus de seguridade” e axudará aos diferentes labores que desenvolve o corpo municipal en diferentes funcións como o control de tráfico, entre outras. Así, conclúe Jácome: “Se Ourense xa é a día de hoxe unha das cidades máis seguras de España, agora ímonos reafirmar no ranking como a cidade máis segura de España”.
Con esta incorporación, o goberno municipal consolida a súa aposta por reforzar a dotación de recursos humanos dos corpos de seguridade da cidade, logo de que a semana pasada se incorporasen 12 novos bombeiros condutores, que incrementan un 30% o cadro de persoal do servizo de extinción de incendios, que pasa de 41 a 53 efectivos. “Son déficits que tiña a cidade que estamos paliando”, asegura o alcalde, dado que son profesionais “que facían falta no cadro de persoal do Concello. Va redundar nunha mellora da calidade de vida porque son necesidades que necesitamos cubrir”.