O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome presentou as obras de remodelación da contorna da área recreativa de Oira que vén de executar o Concello de Ourense, cun investimento de máis de medio millón de euros. Trátase, por unha banda, da remodelación de beirarrúas na zona máis próxima ás instalacións da concesión municipal de hostalaría, cun investimento duns 200.000 euros, e da urbanización da zona do aparcadoiro que se atopa xunto ao pavillón polideportivo municipal, neste caso cun orzamento de licitación de máis de 350.000 €. “Presentamos aquí o remate dunha nova actuación de obras nesta transformación que estamos facendo da cidade de Ourense, que levaba paralizada case unha década”, manifestou o alcalde, quen asegurou que “estamos facendo cantidade de obras, e máis están por vir”.
Así, destacou o rexedor que “por primeira vez desde que se fixeron as piscinas de Oira, temos un aparcadoiro coma Deus manda, perfectamente asfaltado e pintado”, con 250 prazas para coches e mais espazos reservados para autobuses e bicicletas, que darán un importante servizo a todas as persoas que se achegan a esta zona para desfrutala como área de lecer, para utilizar as piscinas ou facer deporte no pavillón municipal ou no centro deportivo, concesión municipal.
O enxeñeiro, Fran Lorenzo, explicou que na zona próxima aos locais de hostalaría se aumentou a zona peonil, se mellorou a accesibilidade renovando todas as beirarrúas e se cambiou toda a rede de iluminación pública, amais de conectarse a zona de paseo coa da zona deportiva.
No aparcadoiro do pavillón, a intervención incluíu uns 5.000 metros cadrados de superficie onde, ademais das prazas de aparcamento, se mellorou a accesibilidade peonil dotando o espazo de beirarrúas. O proxecto, explicou, formulouse co obxectivo de que non fose necesario cortar árbores, solucionando o problema dun espazo onde o firme se atopaba levantado polas súas raíces.
As obras de remodelación remataron, polo que o espazo xa está aberto ao público, de forma que toda a cidadanía “poida vir desfrutar desta nova infraestrutura para a cidade de Ourense”, manifestou Pérez Jácome.