Ourense Cidade

O Concello resolve o contrato do Servizo de Axuda no Fogar

A empresa mellor valorada ten agora un prazo de dez días para entregar toda a documentación requirida

Óscar Gómez

Ourense |

O Concello resolve o contrato do Servizo de Axuda no Fogar | Faro de Vigo

A xunta de goberno local do Concello de Ourense resolveu a contratación do Servizo de Axuda no Fogar coa ordenación decrecente das ofertas presentadas. A mercantil Samaín Servizos á Comunidade foi a empresa mellora valorada, tanto no prego técnico coma no económico, para un contrato que supera os 10 millóns de euros. Agora ábreselle un prazo de dez días para entregar toda a documentación requirida e para depositar a garantía, equivalente ao 5% do orzamento de licitación.

O órgano executivo do goberno local deu conta doutras dúas ordenacións decrecentes na xunta de goberno desta mañá: o de renovación e mantemento de diferentes licenzas de software do Concello -oferta dividida en 8 lotes-; e o de tratamento e eliminación de mobles, equipos e outros residuos urbanos voluminosos. Coma no caso anterior, as empresas mellor valoradas terán dez días para entregar a documentación requirida e para depositar a garantía.

Ademais, tratáronse outros 17 asuntos na orde do día.

Licenzas (8). Concedéronse licenzas para o proxecto de demolición dun edificio na rúa Río Támega; para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Quintela de Canedo; dunha vivenda na rúa Sáenz Díez; para a reforma interior e legalización de uso residencial nun baixo-cuberta na rúa Valente do Casar; para a substitución de rótulos e letreiros no hotel Barceló, no edificio A Torre. Ademais, concedéronse licenzas para a mellora das condicións de accesibilidade en tres edificios da cidade mediante a instalación de ascensores: Río Mao 44, Filomena Dato 15 e Ramón Puga 43.

Aperturas (1). Concedeuse licenza de obra e actividade para un local destinado a consultas médicas no baixo da Avenida da Habana 73.

Patrimonio (3). A xunta de goberno local aprobou o aboamento de tres xuros de demora na entrega dun inmoble obxecto de permuta na rúa Cervantes 14. Os tres, por importe de total de 2.544, 93 euros, en favor da mesma particular.

Recursos Humanos (1). Recoñeceuse unha débeda de 151,25 euros en concepto de aboamento de costas xudiciais.

Política Social (3). Aprobáronse as bases das convocatorias públicas para a realización de tres programas no curso 2020-2021: o de actividades dos Centros Cívicos para nenos e nenas (30.906 euros de orzamento); o de actividades nos Centros Cívicos para adultos (22.657 euros de orzamento); e o de Envellecemento Activo (62.142 euros de orzamento).

Servizos Xerais (1). Modificáronse dúas cláusulas do contrato de cesión de uso, mediante arrendamento, da planta baixa do edificio da antiga sede do Banco de España, subscrito entre o Concello de Ourense e SEGIPSA, para poder destinala a usos administrativos e de atención á cidadanía. Do mesmo xeito, fíxase o novo importe da renda, que ascende a 5.347,58 euros mensuais polos 534,10 metros cadrados de superficie útil.