O Concello de Ourense retirou a estatua dos Ramóns, na confluencia das rúas Valle Inclán e Ramón Cabanillas, para a súa restauración, logo de detectar deterioro na súa base. Aproveitando a humanización da contorna, a obra de Ramón Conde será enviada a un taller de Madrid para a súa limpeza e para un tratamento anticorrosivo, e volverá ao seu emprazamento, no centro da praza, con dous metros de distancia respecto ao seu lugar orixinal para que quede en consonancia coa remodelación da rúa. Ademais, contará cunha nova peaña de aceiro corten -en vez de pedra- e cun chanzo máis.