O Concello de Ourense adxudicará nas próximas semanas o contrato para a instalación dun novo sistema de control de acceso de vehículos á zona peonil do centro histórico da cidade. Así o avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen explica que este novo sistema, baseado na utilización de cámaras, suporá unha substancial mellora con respecto ao anteriormente existente, formado por bolardos, e que deu lugar a un total de 1.698 sinistros viarios na cidade desde a súa entrada en funcionamento, en 2004, até que, por orde do alcalde, deixou de funcionar en febreiro de 2020.
Un informe da Policía Local de Ourense dá conta de que a cifra anual superou os 100 sinistros durante os 6 primeiros anos: 190 en 2004, 185 en 2005, 141 en 2006, 125 en 2007, 120 en 2008 e 135 en 2009. Desde 2010 até 2019, último ano completo en que funcionaron, oscilou entre un máximo de 100 en 2015 e un mínimo de 51 de 2018).
O informe analiza con máis detalle os sinistros rexistrados desde 2014. Explica que o 95.57% dos accidentes se produciron porque a persoa condutora do vehículo non respectou a luz vermella semafórica (292), porque tentou acceder ou abandonar a zona peonil tras un vehículo autorizado (68) ou porque fixo un mal uso da tarxeta. Tamén salienta 12 casos por sistema TAG defectuoso. O día 26 de febreiro de 2020 baixáronse os bolardos, e desde aquela só se utilizan en ocasións puntuais.
O Concello ultima a adxudicación do contrato para a subministración do novo sistema. Inclúe a instalación, servizo de mantemento e formación de persoas usuarias dun sistemas de cámaras de control de accesos á zona peonil do Centro Histórico, cámaras de control de tráfico en rotondas e radares de control de velocidade do tráfico. O contrato ten un orzamento de 796.781,88 euros máis IVE, e está financiado parcialmente con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU, ao abeiro do Programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano, aprobado pola Orde do Ministerio de Transportes (TMA 892/2021), de 17 de agosto de 2021.