Salud

O concello de Verín esixirá a Consellería de Politica Social a apertura do centro de día de Verin

Diego Lourenzo, tenente de alcalde da vila, así o asegurou no encontro que mantivo a dirección da instalación municipal cos familiares dos usuarios de Raiola

Óscar Gómez

Ourense |

Chelo Ferreiro, Directora do Centro de Día de Verin | Raiola

Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín e voceiro do BNG na institución local, anuncioulle ás familias dos usuarios do centro municipal de día para maiores da vila que o seu Executivo pedirá por escrito á Consellería de Política Social e, por extensión, á Xunta de Galicia que reconsidere a medida de manter os centros de día pechados ata o mes de setembro e permita que este tipo de complexos sociosanitarios de “indiscutible perfil terapéutico poidan abrir canto antes para evitar que os seus usuarios e as súas familias sigan sufrindo o deterioro que o confinamento e este novo alongamento da decisión do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, lles está ocasionando aos maiores de Verín”.

O tenente de alcalde, Diego Lourenzo, acudiu en representación do Concello de Verín á reunión convocada pola directora do centro de día municipal, Chelo Ferreiro, con vinte familiares doutros tantos usuarios de Raiola, na que manifestaron o total apoio á labor desenrolada polo equipo de profesionais da institución e reclamaron, de xeito unánime, a inmediata reapertura “dun servizo esencial para os nosos familiares, que están a vivir un deterioro inaudito dende que foron confinados nas casas”. Lourenzo Vila, o tenente de alcalde do Concello de Verín, afirmou que “manter os centros de día pechados atenta contra a dignidade dos maiores, non veñen aquí como se fose isto un centro de ocio, é moito máis ca iso, é un centro terapéutico e de rehabilitación do que me sinto moi orgulloso e do que non me cabe a máis mínima dúbida de que as atencións que presta son indispensables para a calidade de vida dos nosos anciáns”.

Nesa mesma liña se pronunciou a directora da institución, Chelo Ferreiro, quen lamentou “profundamente que unha decisión unilateral da Xunta de Galicia, tomada sen ter en conta a opinión dos verdadeiros expertos en xerontoloxía, que desaconsellan abertamente o peche dos centros de día; esté orixinando verdadeiros dramas familiares, coma os que vimos de escoitar. Xente que está deixando de comer, que non quere medicarse e mesmo que pasa o día chorando. Non o digo eu, son as testumuñas das familias que esta mañá estiveron, entre bágoas, contando a súa experiencia”.

Testemuñas dos familiares dos usuarios

Unhas das moitas testemuñas, a máis emotiva, foi a de María de los Ángeles Manso, muller dun usuario, José Giraldo; profesional autónoma da fotografía que contou o que está sendo a súa experiencia dende que Raiola pechou temporalmente as súas portas: “Agora eu só pode atender a miña tenda de fotografía entre as 9:00 e as 11:30 horas, porque é a hora na que esperta o meu home. Pecho e teño que marchar para a casa porque somos só nós. Non podo manter o meu negocio pechado ata o mes de setembro e o meu home, dende que deixou de ir ao centro de día, non fala, non quere comer e está moito máis triste. El está mal pero eu estou aínda peor”, sinalaba entre bágoas.

Mari Carmen Justo, filla doutra usuaria de Raiola, María Cota, coincidía con María de los Ángeles na testemuña: “Miña nai estrana moito o centro de día, bota todo o día chorando, nin quere comer nin tomar a medicación”, aseguraba.

Todos os familiares dos usuarios de Raiola expresaron publicamente e diante de Diego Lourenzo, o tenente de alcalde de Verín, que non son “uns irresponsables por demandar que abran de xeito inminente as portas de Raiola. Os nosos maiores teñen moito máis risco de seren contaminados nun bar ou indo á misa do que poderían ter nunha instalación da que estamos seguros que se están a tomar todas as medidas preventivas e que contan con persoal especializado e debidamente formado”, sinalaron.

Chelo Ferreiro quixo agradecer o apoio expreso do Concello de Verín “e comprometeuse coas familias dos seus usuarios a dar toda a loita que sexa precisa ante a Xunta de Galicia para que reconsideren unha decisión na que non se nos tivo en conta nin os profesionais nin ás familias de tanta e tanta xente que están a ver como os seus maiores se deterioran a pasos axigantados”. Ferreiro Fernández está en permanente contacto coa Plataforma Galega de Centros de Día, dende a que tamén se están a tomar medidas de presión contra a decisión unilateral da Xunta de Galicia.

SOBRE RAIOLA, CENTRO DE DÍA DE VERÍN

O pasado 8 de abril de 2020, Raiola, o centro de día de Verín, cumpriría o seu primeiro ano de vida, de non estar en confinamento, como así foi. Antes de que se decretase o Estado de Alarma, o pasado 14 de marzo, Raiola prestaba servizo asistencial a 28 maiores de Verín e da comarca, moitos con diversas patoloxías e algúns con claras eivas motoras e cognitivas. No centro traballaban 10 persoas, entre elas, 4 xerocultoras, unha educadora social, unha traballadora social, unha fisioterapeuta,

unha psicóloga, o chofer do servizo de transporte adaptado e a súa directora, enfermeira de profesión e especializada en atención ao maior.

Raiola chegou a elaborar un protocolo propio de reapertura que xa entregara ás familias dos seus usuarios nunha reunión previa ao 1 de xuño, data na que estaba previsto que reabrise as súas instalacións; e baseándose no PLAN DE REACTIVACIÓN NO ÁMBITO SOCIOSANITARIO EN RELACIÓN COA INFECCIÓN POLO VIRUS SARS-CoV-2 aprobado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, no que, no seu punto número 7 se desenrolaba un capítulo específico cas tres fases da “desescalada” para os centros de día. Documento que posteriormente foi modificado, suprimíndose ese punto, logo de que xa fora enviado aos centros de día galegos, tanto públicos coma privados o pasado 18 de maio de 2020.