O Concello de Ourense vólcase durante estes día na atención ás persoas sen teito, utilizando os seus equipamentos e recursos, tanto desde Asuntos Sociais como desde Protección Civil, e realiza unha campaña de entrega de equipos de protección individual (luvas, máscaras e xeles hidroalcólicos) ás persoas que as precisan. O goberno municipal desminte “rotundamente” as afirmacións realizadas onte polo voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE do Concello en relación a unha suposta falta de acción por parte do Concello. “Estamos traballando máis ca nunca, volcándonos en atender as persoas que máis o precisan”, asegura o concelleiro Telmo Ucha. Neste senso, explica o edil de Asuntos Sociais, “temos case rematado o censo de persoas sen teito, con datos reveladores que nos permitirán ter toda a información ao respecto ao día, algo que nunca se fixera, e tomar decisións moito máis acertadas, dun xeito practicamente inmediato acorde á situación persoal de cada unha das persoas afectadas”. Tamén avanza que “xa se asinou a proposta de gasto para a ampliación dos horarios de entrada e saída do Fogar do Transeúnte, que en breve será realidade”
“O voceiro do PSOE minte nas súas afirmacións”, asegura Telmo Ucha, xa que “manipula completamente o que eu lle dixen na xunta de área desta semana. Nesta terceira vaga da pandemia o Concello mantén ao 100% o dispositivo que aplicou para atender as persoas sen teito na segunda vaga. Isto non significa que non se faga nada, senón o contrario, que mantén o sistema que desenvolveu na etapa anterior”.
Asi, advirte, “Villarino manipula e falsea a información que eu lle din verbalmente. Nin a súa pregunta nin a miña resposta son as que el di”. Por este motivo, avanza Ucha “non volverei responder a ningunha pregunta deste concelleiro en xunta de área de ningún outro xeito que non sexa o oficial, por escrito, para que asi quede constancia de cal é a pregunta que fai e cal é a miña resposta”.