Un total de 15 concellos ourensáns poden optar a axudas de ata 80.000 euros para financiar proxectos, actuacións e iniciativas que teñan como obxectivo principal a mellora e posta en valor das tres reservas de biosfera que hai nesta provincia: Área de Allariz; Transfronteiriza Gêres-Xurés; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.
Así o anunciou no castelo da Peroxa a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen mantivo unha reunión cos alcaldes e representantes municipais dos concellos ourensáns que forman parte da reserva da Ribeira Sacra. En concreto, asistiron o rexedor da Peroxa, Manuel Seoane, a de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, o da Teixeira, Miguel Antonio Cid, e en nome de Nogueira de Ramuín, o concelleiro Julio Carlos Pemes, mentres que no caso de Parada de Sil o alcalde non puido acudir.
Tras indicar que se convocou a orde de axudas dirixida a financiar actuacións de concellos e entidades nas sete reservas da biosfera de Galicia, a conselleira explicou que poderán solicitalas un total 86 municipios incluídos nalgún destes espazos e, como novidade deste ano, tamén diferentes tipos de entidades, como comunidades de montes veciñais, asociacións de custodia do territorio e organizacións ambientalistas vencelladas a estes espazos.
Cun orzamento global de 3,22 millóns de euros para o período 2022-2023, entre as actuacións subvencionables poderán incluírse accións de conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais; de fomento do desenvolvemento sustentable; e de apoio ao turismo verde e mellora do patrimonio cultural e paisaxístico.
A modo de exemplo, a conselleira explicou que estas axudas permitirán financiar a instalación de observatorios para aves, accións de recuperación de vexetación de ribeira nos ríos ou de eliminación de especies invasoras, accións de concienciación, mellora de sendas e áreas de descanso ou colocación de sinalización.
No caso de que o beneficiario sexa unha entidade local, o importe da axuda oscilará entre un mínimo de 40.000 euros e un máximo de 80.000 euros, mentres que para o resto de solicitantes a contía irá de 10.000 a 25.000 euros. O prazo para a presentación de solicitudes, que se fará por vía telemática, abrirase a partir de mañá e pecharase o vindeiro 11 de marzo.
Así mesmo, tamén avanzou que a vindeira semana se convocará unha segunda orde de axudas dotada con 1,85 millóns de euros e dirixida, neste caso, aos organismos xestores das catro reservas de biosfera que non dependen directamente da Xunta: Terras do Miño; Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo; e Área de Allariz.
Será, segundo explicou, a primeira vez que se convoque esta liña de subvencións destinada a colaborar cos xestores destes catro espazos no impulso e execución do mesmo tipo de accións subvencionables ao abeiro da orde dirixida a concellos e entidades.
Ángeles Vázquez animou aos concellos das sete reservas de biosfera galegas e, particularmente, aos da provincia ourensá, a promover proxectos que contribúan a impulsar desde o punto de vista económico e turístico estas zonas, que abranguen o 35 % do territorio de toda Galicia e nas que viven preto de 570.000 persoas.
Cómpre lembrar que tres dos sete espazos que contan na Comunidade con este recoñecemento internacional están en Ourense polo que, ademais das entidades, ONG e comunidades de montes que queiran solicitar estas axudas, tamén serán potenciais beneficiarios os 15 concellos incluídos nestas reservas: A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos —pertencentes á Área de Allariz—; Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños —localizados na do Gêres-Xurés—; e Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira —dentro da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—.
Axudas para a ARI Ribeira Sacra
Por último, a conselleira lembrou que o seu departamento aprobou no ano 2019 un Plan de acción estratéxico para a comarca da Ribeira Sacra no que se encadran, entre outros fitos, a declaración en setembro de 2021 da reserva de biosfera ou a aprobación da Área de rehabilitación integral supramunicipal en febreiro de 2020, unha figura xestionada pola Xunta e coa que se aspira a rehabilitar unhas 2.000 construcións na vindeira década.
Así, lembrou que na anterior convocatoria de axudas para intervir nesta ARI presentáronse en total 67 solicitudes e que o prazo para acollerse á orde deste ano permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.