Ourense Cidade

Concurso de escaparates para dinamizar o Nadal na cidade de Ourense

O concurso repartirá 8.000 euros en premios, cun galardón máximo de 3.000 euros para a mellor decoración, os locais poderán inscribirse do 1 ao 13 de decembro e deberán expoñer as decoracións até o 8 de xaneiro.

Óscar Gómez

Ourense | 23.11.2022 11:17

Concurso de escaparates para dinamizar o Nadal na cidade de Ourense
Concurso de escaparates para dinamizar o Nadal na cidade de Ourense | onda cero

O Concello de Ourense, coa colaboración do CIFP Portovello, Viaqua e Ecourense UTE, organizan o Concurso de Escaparates de Nadal 2022. Esta iniciativa ten como finalidade darlle visibilidade e apoio ao comercio local, ao tempo que dinamizar e ambientar a cidade nas datas festivas. Esta mañá tivo lugar a presentación do certame, por parte de Gonzalo Jácome, alcalde de Ourense, Javier David García, xerente de Ecourense, Cristina López, responsable de clientes de Viaqua, Abel Ocampo, director do CIFP Portovello e Lidia Blanco e Susi Carnero, profesoras deste centro educativo

O concurso repartirá un total de 8.000 euros en premios, O primeiro recibirá 3.000, o segundo 2.000, o terceiro 1.000, e haberá 4 accésits de 500.

Os comercios interesados poden inscribirse a través do correo electrónico concursoescaparates@ourense.gal, desde o día 1 ao 13 de decembro, e a decoración deberá estar exposta desde ese mesmo 13 de decembro até o 8 de xaneiro nos escaparates ou fachadas dos locais. As decoracións dos locais publicaranse na páxina web do Concello e CIFP Portovello, Viaqua e Ecourense UTE, para que poidan ser contempladas por quen o desexe.

O xurado poderá visitar as decoracións desde o 13 de decembro e outorgará os premios valorando como criterios a composición e o deseño, a calidade e a harmonía, a iluminación, a creatividade e a orixinalidade, a exposición dos produtos, o uso de materiais reciclados e a temática da auga. Os premios entregaranse nun acto que terá lugar o día 20 de decembro no Auditorio Municipal.