A Deputación de Ourense abre o prazo para participar no I Concurso Provincial contra a Violencia de Xénero, dirixido a centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional de grao medio. A convocatoria deste certame vén motivada pola celebración, o próximo 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A finalidade do concurso é fomentar valores de igualdade e crear conciencia da propia existencia de violencia de xénero e as súas múltiples manifestacións no contorno próximo, así como facer protagonistas deste día aos concursantes e a súa capacidade individual de crear conciencia fronte a esta secuela social, sendo sensibles á detección de calquera forma de violencia de xénero.
Modalidades e categorías do concurso
As persoas interesadas en presentarse a este concurso poderán optar a tres modalidades dentro das cales haberá unha ou dúas categorías. Na primeira modalidade poderán presentarse obras de debuxo, fotografía ou viñeta; a segunda modalidade estará aberta a expresións artísticas de microrrelato, redacción escrita ou podcast, estando reservada a terceira modalidade para vídeos curtos para redes sociais.
Tanto a primeira como a segunda modalidade terán a súa vez dúas categorías: a primeira categoría estará reservada para o alumnado de educación infantil, primaria e educación especial, mentres que na segunda categoría poderá participar o alumnado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e/ou formación profesional de grao medio. A terceira modalidade terá unha categoría única que agrupa as dúas mencionadas con anterioridade.
Todas as obras presentadas deberán estar relacionadas co lema do concurso “Isto tamén é violencia de xénero e eu non calo” ou co Parque da Igualdade da Deputación de Ourense situado en Cachamuíña (O Pereiro de Aguiar). As obras/traballos poderán estar realizados en calquera material e usar calquera técnica. Deben ser orixinais e da propia autoría da persoa que o subscriba.
Premio de estancias de fin de semana e acceso a piscinas termais
O certame está organizado pola Deputación de Ourense en colaboración cos balnearios da provincia que aportarán os premios do mesmo. Estes serán: “Premio á autoría” que recoñecerá os mellores traballos presentados en cada modalidade e categoría; “Premio á dinamización” que será para os centros docentes aos que pertenza cada alumna/o premiado nos “Premios á autoría” ; e o “Premio á anticipación” que será para os primeiros 30 traballos que se presenten a este concurso.
Os premios consistirán en accesos e/ou estancias de fin de semana en centros balnearios da provincia de Ourense para dúas persoas ou material escolar/libros no caso dos centros escolares.
O prazo para a presentación de traballos rematará o 16 de novembro
Os interesados en participar poderán presentar os seus traballos ata o vindeiro día 16 de novembro de 2023. Para presentar os traballos deberán acceder ós formularios oficiais a través do seguinte enlace: https://www.termalismourense.com/nonaviolenciadexenero.
Nesta dirección están dispoñibles tanto o formato individual (os traballos son presentados directamente polo/pola alumna/o), ou formato colectivo(o centro escolar presenta directamente os traballos do alumnado). Unha vez cuberto o formulario xerarase un arquivo para remitirlle á Deputación de Ourense, ben a través do enderezo electrónico nonaviolencia@dpou.es, ao que se deberán engadir os arquivos do traballo, ou ben a través do rexistro da Deputación Provincial xunto co traballo.
O ente provincial habilitou un teléfono de atención a centros escolares e ao alumnado para dar resposta a calquera dúbida que teñan con respecto ao concurso, o número é o 988317760 e atenderase en horario de 8:30 a 14:30.