Conde destaca apostar pola internacionalización para reactivar a enomía galega
Francisco Conde, participou na entrega do II Premio José Manuel Pérez Canal á internacionalización, que recibiu a empresa Bodegas Godeval
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a entrega do II Premio José Manuel Pérez Canal á internacionalización, organizado pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), que seguir apostando pola internacionalización é unha das claves que axudará a reactivar canto antes a economía galega.
Conde fixo fincapé en que a Xunta quere estar ao lado do tecido empresarial cun dobre obxectivo: mitigar o impacto da crise e sentar as bases da recuperación. Neste ámbito, o vicepresidente económico lembrou que no pasado mes de setembro Galicia foi a comunidade que experimentou un maior incremento nas súas exportacións, cun 21,5% máis que no mesmo período do ano anterior.
O vicepresidente económico apuntou que as diferentes iniciativas que se poñen en marcha desde o Goberno galego funcionan grazas á implicación do empresariado. Así, a través do programa Galicia Exporta Dixital, aprobáronse 155 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, cunha especial atención ao comercio minorista.
Hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica a resolución do programa de bolsas de promoción exterior do Igape, que nesta edición apoia a 50 mozos e mozas que iniciarán a súa traxectoria profesional en mercados como Berlín, Bruxelas, Londres, Tokio ou Miami. Tamén se publica hoxe a concesión de axudas do Galicia Exporta Organismos Intermedios, mediante o cal se apoian 21 proxectos que supoñen unha mobilización de 1,7 millóns de euros, e dos que se beneficiarán máis de 1000 pemes con 130 accións en 32 países.
Conde, que lembrou a traxectoria do que fora presidente da CEO ao que se lle rende homenaxe con este certame, sinalou que o compromiso coa calidade está sempre detrás do éxito das empresas galegas nos mercados exteriores, como no caso da
compañía gañadora do premio entregado hoxe, Bodegas Godeval (O Barco de Valdeorras). Os produtos desta empresa están presentes na actualidade nunha ducia de países de todo o mundo, e a exportación supón entre o 20% e o 25% da súa facturación.
Asegurou o vicepresidente económico que Galicia e Ourense contan co talento e as capacidades necesarias para abordar a transformación económica e social que necesariamente haberá que abordar nos próximos anos, facendo fincapé en que nese camiño serán claves medidas como a futura Lei de reactivación económica, coa que a Xunta busca avanzar na simplificación administrativa e consolidar Galicia como un bo lugar para investir, ou os fondos europeos Next Generation, cos que se quere continuar coa modernización e dixitalización do tecido empresarial.