O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou no acto do 45 aniversario da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) o necesario labor de acompañamento ao tecido empresarial para mirar ao futuro con confianza e optimismo. Conde destacou o papel da Confederación Empresarial de Ourense como propulsora do desenvolvemento económico e empresarial da provincia, agradecendo a súa predisposición a colaborar coa Administración autonómica en diferentes iniciativas en beneficio das empresas ourensás, entre as que está o programa Conecta Ourense.
Na súa intervención, o responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego avogou por dar apoio financeiro ás empresas para reforzar a súa liquidez e solvencia. A este obxectivo destinaranse 140 millóns de euros nos presupostos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, que tamén recollen 40 millóns de euros para que as pequenas empresas rompan o teito de cristal da innovación.
Conde destacou tamén a firme aposta que está facendo Galicia por vincular o desenvolvemento das enerxías renovables aos grandes proxectos industriais que a Comunidade ten en carteira, para impulsar a economía verde e circular e para garantir a cobertura das súas demandas enerxéticas. Tamén resaltou o apoio á implantación de renovables para favorecer o aforro e a eficiencia na subministración eléctrica. Entre as prioridades da Administración autonómica, tal e como apuntou o vicepresidente primeiro, está así mesmo velar por que as pemes teñan un lugar prioritario na asignación dos fondos europeos, e aliviarlles a carga burocrática na tramitación de novos proxectos, como se ten feito coa Lei de simplificación administrativa.
Manuel Baltar: “Grazas á CEO por crer en Ourense e, sobre todo, por crear en Ourense”
Manuel Baltar resaltou a importancia da “cooperación e a colaboración” como alicerces para seguir impulsando Ourense, a través de proxectos como o Centro Galego de Innovación da FP “Eduardo Barreiros” -cofinanciado pola Deputación e a Xunta- ou a sinatura, onte mesmo, da constitución da AECT na Raia Seca e o Gerês-Xurés, un instrumento de colaboración transfronteiriza liderado na parte ourensá polo goberno provincial.
Nesta liña de traballo, Manuel Baltar destacou a “estreita relación” entre a Deputación e a CEO -“da que somos aliados ao igual que de todas as entidades representativas do territorio”- lembrando as liñas de cooperación abertas entre a administración provincial e a entidade, “un actor absolutamente vital na representación do tecido empresarial ourensán e no fomento da súa competitividade”.
“Onte, hoxe e sempre, coa CEO”, sinalou o presidente da Deputación, que quixo recoñecer na súa intervención o “traballo e esforzo diario” das entidades empresariais presentes no acto de hoxe: “Aquí hai moito futuro, moita traxectoria e moito compromiso coa terra. Grazas á CEO, e a todos, por crer en Ourense e, sobre todo, por crear en Ourense”.