Economía

Conde subliña que a dixitalización vai marcar o desenvolvemento industrial

Sostén que os fondos europeos van ser a outra vacina para a reconstrución e insta a que se administren de forma eficiente sobre os sectores que máis o precisan

Óscar Gómez

Ourense | 30.04.2021 09:15

Conde subliña que a dixitalización vai marcar o desenvolvemento industrial
Conde subliña que a dixitalización vai marcar o desenvolvemento industrial | onda cero

Conde avogou por establecer amplos espazos de cooperación e diálogo a todos os niveis para identificar oportunidades, aliñar obxectivos e dar, así, resposta aos grandes desafíos que trae consigo a economía poscovid, vinculados á transformación dixital e ecolóxica. Nese proceso, abondou, hai sectores que van ir abrindo a senda e hai un instrumento que vai ser a chave: os fondos europeos Next Generation.

Segundo dixo, os fondos europeos van ser a outra vacina para a reconstrución. Por iso instou a que se administren de forma eficiente sobre os sectores que máis o precisan e os que están chamados a protagonizar esta transformación do tecido produtivo galego na vindeira década.

Automoción, naval e aeroespacial

Nesta liña, destacou a necesidade de mobilizar investimentos no sector da automoción para avanzar no ámbito da mobilidade sustentable, segura e conectada, que é o obxectivo do proxecto que a industria galega do motor presenta aos fondos Next Generation cun investimento de 1300 millóns, AutoAncora. Ao respecto, mencionou o bo comportamento deste sector en Galicia porque en 2020 marcou un récord histórico de produción, tirando do emprego e a facturación con crecementos do 1% e do 2%, respectivamente.

No caso do sector naval, considerou que, ademais dos proxectos que lideran as autoridades portuarias de Vigo e A Coruña, os fondos europeos tamén deben servir para fortalecer esta industria alí onde sexa necesario. Por exemplo, en Navantia en Ferrol, coa construción do dique seco ou o buque de aprovisionamento previsto mentres non dá comezo a construción das fragatas F-110. Tamén para financiar a renovación da flota pesqueira.

Con respecto ao sector aeronáutico, lembrou que o investimento que Galicia espera acadar nos vindeiros cinco anos é de máis de 500 millóns de euros para consolidar e seguir dando continuidade ao plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia que a Xunta promove no aeródromo de Rozas, en Castro de Rei (Lugo).

O vicepresidente económico concluíu subliñando que a principal demanda que a Xunta leva trasladando ao Goberno é que teña en conta a Galicia e que os proxectos e os sectores estratéxicos galegos poidan competir en igualdade de condicións que os de calquera outra autonomía.