Economía

A conselleira de Emprego e Igualdade explica as axudas do plan de rescate da Xunta a autónomos

Lorenzana tendeu a man aos empresarios e empresarias máis afectados pola pandemia

Óscar Gómez

Ourense |

A conselleira de Emprego e Igualdade explica as axudas do plan de rescate da Xunta a autónomos | Onda Cero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, dirixiron hoxe unha webinar para explicar as axudas da Xunta de Galicia aos sectores máis afectados pola pandemia aos seus potenciais beneficiarios. Máis en concreto a xornada versou sobre os apoios previstos no Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector da hostalaría lanzado pola Xunta e que prevé nalgúns casos compensacións por valor superior aos 9.000 euros.

A sesión virtual celebrouse xusto un día antes de que o Diario Oficial de Galicia publique as ordes que activarán as dúas liñas que restaban por convocarse dentro do Plan de rescate: as referidas, por unha banda, a microempresas e, por outra, ao sector da hostalaría, que se veñen sumar á destinada a persoas traballadoras autónomas con ou sen empregados cuxo prazo de solicitude está aberto xa e vence o 18 de decembro.

Durante a webinar a conselleira abriu ronda de preguntas e deu resposta persoalmente a cada unha dás dúbidas que decenas de empresarios lle achegaron por chat en relación cos beneficiarios das axudas, as contías máximas as que poden chegar no marco de plan, os requisitos e os sectores aos que se dirixen. Nos momentos de maior seguimento, a xornada, que se celebrou en aberto por unha canle de Youtube chegou aos 300 seguidores.

Tal e como informou a conselleira de Emprego e Igualdade, este departamento destina 84 millóns de euros para aportar liquidez aos empresarios e empresarias máis afectados pola crise sanitaria desde o estado de alarma e a quen, por mor das máis recentes medidas sanitarias nos concellos, tiveron que cesar na súa actividade, como é o caso dos establecementos de bebidas e comidas e de aloxamento.

Tal e como relatou a conselleira, resérvanse para as persoas traballadoras autónomas (1ª liña) axudas xerais de 1.200 euros para calquera sector, e 2.000 para as actividades especialmente paralizadas especificadas nas ordes. Considéranse como tales o lecer nocturno, atraccións de feira, transporte, axencias de viaxes, cines ou comidas preparadas para eventos e outras relacionadas con elas. Como requisitos, os candidatos deben estar dados de alta como autónomos no RETA ou no Réxime de Traballadores do Mar, ter domicilio fiscal en Galicia e ter recoñecido o cese ordinario ou extraordinario de actividade no marco do Real Decreto Lei 30/2020.

As microempresas e persoas autónomas con persoal contratado de calquera sector (2ª liña) poden optar, pola súa banda, a apoios de 4.000 euros. Para microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, así como pemes, de sectores especialmente paralizados as axudas serán de 5.000 euros. Para acceder ás contías, segundo o caso, os empresarios deben acreditar ter ou ter tido autorizado con anterioridade un ERTE de calquera tipo e/ou duración pola covid-19 desde a declaración do estado de alarma. Ademais a baixa na súa facturación debe ser de polo menos o 45% en relación co ano anterior.

O programa de apoio ao sector da hostalaría (3ª liña) dará acceso a cada establecemento a axudas de 1.500 euros por cada mes de peche (a contar desde o pasado outubro) e de 2.000 euros ao mes, no caso de que se trate de empresas con 10 ou máis traballadores. Poden beneficiarse das mesmas persoas traballadoras autónomas do sector (ademais de restaurantes, bares e cafeterías, hoteis, casas rurais, hostais e outros aloxamentos), microempresas e pemes afectadas polo peche do establecemento ditado polas autoridades sanitarias da Xunta desde o pasado outubro ou, no caso dos aloxamentos, polo peche perimetral dos concellos nos que están situados.

A conselleira de Emprego e Igualdade lembrou que a Xunta fixo que todas as axudas sexan complementarias e acumulables entre si para poder brindar un maior apoio aos sectores económicos máis afectados pola situación sanitaria. Ademais, subliñou, o plan de rescate deseñouse en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais e apelou a manter este clima de consenso en diante.

Para que as axudas cheguen o antes posible –a conselleira marcou como prazo para as primeiras axudas o mes de decembro- a Xunta avogou por un mecanismo de tramitación sinxelo e áxil, por medios electrónicos e por medio da presentación dunha declaración responsable dos candidatos.