Ao longo de todo o inverno e primavera o tractor desbrozadora municipal ten realizado desbroces preventivos en distintas zonas do Concello de Allariz (ladeiras de Penamá, franxas de protección na Estrada de Santa Mariña, Vilar de Flores a Santo Estevo, Zona de Queiroás e San Mamede, Parroquias de Coedo e Torneiros,…) e nas pistas da Concentración Parcelaria de San Vitoiro e San Mamede.
Así mesmo a brigada municipal de Medio Ambiente ten feito desbroces manuais en distintos camiños e rutas de sendeirismo, BTT e no entorno do río Arnoia. Recentemente xa coa desbrozadora lateral se ten procedido a dar a primeira pasada ós máis de 90 Km de pistas mecanizables que comunican os 92 núcleos de poboación do noso Concello.
Actualmente atópanse facendo a limpeza da estrada provincial de Allariz a Maceda dentro do convenio coa Deputación Provincial de Ourense. A continuación comenzará coas tres pasadas ós 90 Km de pistas municipais. Todos os anos se repite este modelo de xestión de biomasa nas beiras das estradas, xa que o adianto do mesmo sería inútil ó medrar a herba coa chegada do calor e así garantir con estas tres pasadas nesta época a limpeza para o resto do ano.
En canto ás limpezas de xeito manual tamén se están a realizar o mesmo ritmo de outros anos, sendo certo que este ano as condicións climatolóxicas teñen favorecido un gran crecemento da herba, a cal loxicamente dificulta o seu tratamento. Con todo, xa se teñen realizado as limpezas manuais de: Santa Mariña, Camiño ó Forno da Santa e Armea, Camiño de San Breixo a Vilar de Flores, Santa Baia, A Torre de Santa Baia, Parque infantil de Coira, Parque infantil de San Mamede, Paciños, O Mato, o entorno do Colexio Padre Feijóo, Gundiás, Casaldoira, A Torre de Pumares a Pumares e o Camiño de Roimelo a Paicordeiro.
Nos vindeiros días executaranse os desbroces de Laioso, A Lagoa de Queiroás, Turzás, Seoane, Santo Estevo, A Pousa e Taín, Parques de Outeiro de Laxe, A Cal e Cardanachama, Requeixo de Valverde e as beiras do Arnoia e as multiples rutas de sendeirismo e BTT.
Segundo informaba Bernardo Varela, tenente Alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, “estamos a falar dunha superficie de desbroce superior ás 200 Has no cómputo anual, que como todos os anos se executarán por todo o termo municipal”.
Dende o consistorio informaban que está en proceso a adquisición dunha nova desbrozadora lateral para o tractor que facilite e axilice a mecanización dos desbroces e así optimizar e facer máis eficaz tempo de limpeza da biomasa.