Cultura

"Contos e cantares no camiño" resalta a importancia do Camiño

Para Gabriel Alén trátase dunha obra, única, que será capaz de conquistar a públicos de todas as idades, dende melómanos a persoas que gocen coa arte actual e, fundamentalmente, coa literatura que vai directa ao corazón.

Óscar Gómez

Ourense | 11.10.2022 08:54

"Contos e cantares no camiño" resalta a importancia do Camiño
"Contos e cantares no camiño" resalta a importancia do Camiño | onda cero

“Contos e cantares no Camiño”, un evento que significa a volta de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro aos espectáculos de índole musical e literaria.O delegado territorial explicou que esta actividade pretende trasladar o optimismo e a importancia da palabra, dos consensos e os acordos, ás catro provincias galegas e a lugares emblemáticos do Camiño de Santiago. Música, poemas, cancións, contos, todo mesturado de modo homoxéneo e cunha única finalidade: vencer aos malos tempos e resaltar a importancia do Camiño, das voces, da palabra. A palabra como vehículo de comunicación, pero tamén como substrato artístico.

Gabriel Alén destacou que este espectáculo é un traballo inusual dentro do mundo musical e cultural galego. Textos capaces de emocionar a quen os escoite. Prosas e poemas e cancións que falan das virtudes das xentes de Galicia, o seu modo particular de sentir e encantarse co cotián.

Os textos, con fondo musical orixinal de Emilio Rúa, serán compartidos coas cancións deste cantautor dotado cunha voz propia orixinal e profundamente sentimental, tenra, sensitiva. Todas de raíz galega, pero tamén cosmopolita, e trenzadas magnificamente para converter cada concerto nun motivo de felicidade para os espectadores. As voces de Rúa e Caneiro penetran nos sentidos e elevan, envolven, crean un vínculo sentimental profundo.

Para o delegado territorial, trátase dunha obra, única, que será capaz de conquistar a públicos de todas as idades, dende melómanos a persoas que gocen coa arte actual e, fundamentalmente, coa literatura que vai directa ao corazón. As pezas inspíranse en músicas de influencia tradicional e, tamén, nas músicas máis avanzadas e contemporáneas. A súa posta en escena, nos directos, é unha reivindicación da emoción máis profunda e humana. Un grito a favor de Galicia, do Camiño Xacobeo, e a felicidade en indisoluble unión.

Estes recitais – concertos desenvolveranse o 13 de outubro en Ourense, no Liceo ás 20:00h; o 15 de outubro en A Gudiña, no Albergue de peregrinos a Casa da Viúva ás 19:00 h; o 28 de outubro en Arzua (Lugo) na Capela da Madalena ás 21: 00 h; o 29 de outubro en Xunqueira de Espadanedo, no Mosteiro de Santa Maria ás 20:00 h; o 30 de outubro en Esgos, no Mosteiro de San Pedro de Rocas ás 18:00 h e o 5 de novembro en Vigo, no Museo do Mar de Galicia ás 18:00 h.