Cooperacion

Convenio entre Deputación e Adolfo Domínguez para formación de deseñadores

A Deputación formará aos deseñadores de Adolfo Domínguez no uso de teares artesanais para crear tecidos a partir de fibras naturais.

Óscar Gómez

Ourense | 24.09.2021 09:35

Convenio entre Deputación e Adolfo Domínguez para formación de deseñadores
Convenio entre Deputación e Adolfo Domínguez para formación de deseñadores | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a directora creativa de Adolfo Domínguez, Tiziana Domínguez, asinaron un convenio de colaboración polo que os especialistas do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo formarán aos deseñadores da marca téxtil no uso de teares artesanais para crear tecidos a partir de fibras naturais como o liño e la. No Museo do Traxe Tradicional Galego, en Santa Cruz de Arrabaldo, onde se asinou o documento, Manuel Baltar agradeceu á directora creativa de Adolfo Domínguez “o interese por desenvolver unha iniciativa que fala fundamentalmente de Ourense e permitirá incorporar ao presente o saber, técnicas e instrumentos da máis antiga tradición”.

O presidente provincial destacou que o Museo do Traxe Tradicional Galego “caracterizouse sempre por manter e recuperar instrumentos e técnicas, traballo do que agora vemos a súa utilidade para, desde as orixes, situarnos no camiño da vangarda, a innovación e a sustentabilidade nun mundo tan competitivo como o deseño, no que esta empresa ourensá ten acreditado o éxito internacional”. Aproveitou tamén a ocasión para agradecer o compromiso da firma con Ourense “nos momentos máis duros da pandemia, coa doazón de material sanitario e da capa coa que o gaiteiro da catedral interpreta o himno de Ourense en homenaxe ás vítimas”.

“Queremos beber das nosas raíces, creando tecidos con fibras típicas do territorio e seguindo colores e patróns tradicionais dos traxes galegos”, subliñou Tiziana Domínguez, que destacou o paso que emprende a empresa con esta colaboración “para inxectar innovación aos nosos deseños, reivindicando Ourense e apostando polos seus costumes e tradicións”.

Grazas ao convenio asinado hoxe, 32 profesionais de Adolfo Domínguez poderán formarse desde o próximo 4 de outubro e por un período de catro anos na creación artesanal de tecidos para as coleccións de moda de autor da firma.