convenio asinado o pasado 21 de marzo entre a Deputación e a Sociedade de Garantía Recíproca Pontevedra Ourense (Sogarpo) beneficiou ata setembro a 67 pequenas e medianas empresas da provincia. Así, da achega de 500.000 euros da institución provincial dedicáronse 365.000 euros para un total de 68 avais. Os máximos responsables de ambos organismos analizaron esta mañá a excelente cooperación que están a manter desde hai anos e dispoñen mantela e reforzala en beneficio das pemes da provincia. Luis Menor e Artur Yuste, respectivamente, valoraron que a reunión foi moi produtiva, analizando a colaboración conxunta coa vontade de continuala na mesma liña.
A Deputación e Sogarpo sempre mantiveron unha colaboración fluída e constante de traballo conxunto, que co convenio asinado en 2023 deu un impulso moi importante ao empresariado ourensán con cifras contrastadas, o que permitirá axudar á financiación das empresas, que é seu grande obxectivo”, expresou Artur Yuste. Neste senso, o convenio referido, asinado en 2023, contempla dúas anualidades de 500.000 euros e cuxo obxectivo é promover a actividade económica das pemessituadas na provincia de Ourense, facilitando o seu acceso a financiación, bonificando os seus custes que requiran da garantía de Sogarpo.
“Con ese convenio estamos axudando a pequenos empresarios cos gastos de funcionamento e de constitución das súas empresas. É unha colaboración estreita e longa que se vai adaptando aos tempos e ás necesidades que nos formulan con axudas moi importantes desde o punto de vista funcional nunha provincia na que é preciso apoiar en todo o que estea na nosa man”, sinalou o presidente provincial, Luis Menor.
Segundo os datos actualizados que se analizaron na reunión, dos 68 avais outorgados, correspondentes a 67 empresas, mediante a achega da Deputación dentro do convenio con Sogarpo, consumiron xa 365.000 euros dos 500.000 euros dispostos no presente exercicio. O importe dos avais outorgados foi de 5.303.000 euros, mentres que o do investimento inducido foi de 6.411.000 euros.
O presidente da Deputación, Luis Menor, ratificou que “continuaremos mantendo esta cooperación en favor das pequenas e medianas empresas, con este instrumento tan útil que é o convenio de colaboración con Sogarpo”.