O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse na Delegación Territorial co alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, para presentarlle unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha serie de melloras do centro de saúde do concello. O orzamento previsto é de 8.900 euros, financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.
A Xunta de Galicia foi a encargada de realizar os informes da situación actual do edificio e elaborou a proposta de convenio que hoxe se lle presentou ao alcalde. Desde o Goberno galego levaríanse a cabo as obras de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro.
O delegado territorial da Xunta trasladoulle o informe realizado pola Consellería de Sanidade no que se reflicte a necesidade de levar a cabo as actuacións de substitución de estores, reparación de portas e o pintado do interior do centro.
Gabriel Alén puxo en valor estes investimentos para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e para facilitar os seus usos por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para proporcionar aos veciños deste concello unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades.