Socio-Sanitario

Cooperación entre a Deputación de Ourense e a Fundación Ingada

Manuel Baltar, compromete o apoio á fundación para que desenvolva a súa actividade asistencial na provincia de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 25.05.2021 13:09

Cooperación entre a Deputación de Ourense e a Fundación Ingada
Cooperación entre a Deputación de Ourense e a Fundación Ingada | onda cero

A Deputación de Ourense colaborará no ámbito socio-sanitario coa Fundación Ingada, entidade dedicada á asistencia en Galicia de persoas afectadas polo Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) e trastornos asociados, así como ás súas familias, dada a alta prevalencia destas patoloxías na sociedade e as necesidades existentes para a súa atención nos ámbitos clínico, educativo, social, familiar e laboral.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao secretario desta fundación, Juan Trigo, e ao terapeuta ocupacional da mesma, Anxo García, con quen analizou a situación desta patoloxía en Galicia, e sinaladamente en Ourense, amosando o apoio da Deputación para cooperar en proxectos e iniciativas que desenvolva a entidade.

O Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade é un dos motivos de consulta máis habituais en Unidades de Saúde Mental Infanto-Xuvenil e de Neuroloxía Infantil, considerándose unha das principais causas do fracaso escolar. Trátase dun trastorno crónico que afecta a un 5,6 % da poboación infantil e a un 4 % da adulta, e consiste nunha alteración no desenvolvemento do sistema nervioso.

Manuel Baltar afirma que a Deputación de Ourense “colaborará coa fundación para a súa implantación no territorio ourensán co obxectivo de que poida levar a cabo as súas funcións asistenciais na provincia, co fin de que as persoas afectadas e as súas familias poidan contar con apoio socio-sanitario”, e salienta: “Somos unha deputación caracterizada por priorizar estratexias sociais, como vimos demostrando desde o inicio da pandemia, e todo o gasto que fagamos neste ámbito é un investimento a prol da mellora da calidade de vida, sanitaria e social, da nosa veciñanza”, afirma o presidente Baltar.

A Fundación Ingada, presidida polo doutor Ángel Carracedo, ofrece a súa colaboración aos afectados en diferentes liñas de traballo: asistencia integral ao TDAH, facilitar asistencia médica, psicolóxica e pedagóxica a paciencias e ás súas familias, así como orientación laboral e académica.