Ourense Cidade

Cooperación entre a Deputacion de Ourense e a Universidade de Vigo

O presidente da Deputación, Luis Menor; e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa avanzaron na futura achega investigadora do Campus Auga aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia con augas mineiro medicinais a través da Mesa Termal.

Óscar Gómez

Ourense |

Cooperación entre a Deputacion de Ourense e a Universidade de Vigo
Cooperación entre a Deputacion de Ourense e a Universidade de Vigo | onda cero

A Universidade de Vigo, a través do Campus de Ourense, incorpórase á Mesa Termal en calidade de institución de apoio científico. O presidente provincial, Luis Menor, coñeceu de man do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, os detalles das implicacións que ten para Ourense e o seu sector termal a recente acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense. Así quedou de manifesto na reunión de traballo que tiveron esta mañá na Vicerreitoría do Campus de Ourense, onde tamén participou o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira; así como o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo.

Preténdese achegar asistencia e soporte científico ás decisións das administracións locais relacionadas co ámbito termal. De feito, coa incorporación do Campus Auga á Mesa Termal créase unha ponte de investigación entre a administración provincial, os concellos rurais da provincia e a universidade. Así, traballarase na creación dun equipo multidisciplinar que una a grupos de investigación xa consolidados no campo xurídico, do turismo, da geotermia ou da intelixencia artificial, entre outros.

Precisamente, no mes de outubro de 2023, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo, no que lle trasladaba o interese da institución provincial en incorporar a capacidade investigadora do Campus da auga á Mesa Termal provincial, formulación que o vicerreitor considerou acertado e de interese. Na última convocatoria da Mesa Termal, o pasado 9 de novembro, o presidente Luis Menor anunciou ao resto de administracións que compoñen a mesma a posibilidade de incorporación do Campus como soporte investigador para as administracións locais, proposta que se considerou moi positiva por todas as entidades presentes na reunión.

“A esta mesa faltáballe unha guinda importantísima: a integración da Universidade, que lle dará ese plus ao avance en investigación con toda a súa potencia multidisplinar, con especialistas en todas as necesidades que pode ter calquera proxecto. Esta incorporación vai a redundar de xeito moi positivo no desenvolvemento da Mesa e dos seus proxectos”, explicou o presidente provincial, quen felicitou tamén ao equipo directivo da UVigo pola reciente acreditación do Campus Auga como campus especializado: “Quero felicitar públicamente ao equipo reitoral da Universidade de Vigo pola extraordinaria aposta que están facendo por este Campus tan singular”.

O presidente provincial tamén abondou en que o obxecto primordial da reunión desta mañá foi dar continuidade a unha invitación que lle fixemos á Universidade no seu momento coa constitución da Mesa Termal, “que se puxo en marcha con gran éxito e que ten como finalidade coordinar todas as administración respecto a proxectos termais na provincia”.

De feito, tal e como puxo de manifesto o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, “o Campus de Ourense sitúanos entre as 15 mellores universidades do mundo en temas de Ciencias Alimentarias, entre as mellores 200 universidades do mundo en temas agrícolas e en posicións moi relevantes no Ranking de Shangai, tanto a nivel global como de distintos grupos de investigación. Por iso temos a esperanza de contribuir ao desenvolvemento de toda a provincia, e algo que é moi importante para nós participar na Mesa Termal e traballaremos para axudar a desenvolver os proxectos do mellor xeito posible”.

“Acabamos de recibir a nova de acreditación do Campus Auga, e todos os proxectos termais son moi acaídos para dentro das nosas potencialidades. Estamos a disposición da ciudadanía para que a provincia ocupe o lugar que merece, e o Termalismo é unha capacidade que a natureza nos deu e por isto a nosa participación na mesa termal é moi acaída a estamos moi agradecidos”, explicou o rector da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa

A Mesa Termal provincial, unha unidade de coordinación

As administracións provincial, autonómica e estatal crearon en agosto de 2023 unha unidade de coordinación para impulsar a ampliación e a sustentabilidade do sector termal na provincia. As institucións entenderon como apropiada a creación da Mesa Termal como fórmula para avanzar cara a un modelo de administracións que mellore, axilice e facilite o procedemento administrativo para a creación de novos balnearios na provincia así como a ampliación e mellora dos actuais.

Ante a solicitude dun concello, a administración provincial valora a reunión da mesa e a correspondente convocatoria aos departamentos das diferentes administracións con competencia en cada un dos aspectos relacionados coas particularidades de cada solicitude. Tamén pode solicitar o asesoramento da Mesa Termal calquera iniciativa privada que expoña a creación dun balneario nun municipio da provincia de menos de 20.000 habitantes.

A Mesa Termal ten tamén como misión, ademais de informar e asesorar aos novos proxectos termais, a monitorización de todos os prazos de resposta de cada un dos pasos que un proxecto ten que realizar desde a solicitude de recoñecemento dunhas augas como mineiro-medicinais ata a data de apertura dun balneario, perseguindo a optimización dos prazos de resposta das diferentes administracións implicadas no proceso.