Cultura

Curso da cultura xudía e safardí en Ribadavia

O curso, dirixido polo escritor e profesor da Universidade de Santiago, Xosé Antonio Neira Cruz, levará ao pazo da cultura de Ribadavia a diversos persoeiros de relevancia internacional no coñecemento da cultura xudía en Galicia e España.

Óscar Gómez

Ourense | 23.05.2023 09:10

Curso da cultura xudía e safardí en Ribadavia
Curso da cultura xudía e safardí en Ribadavia | onda cero

“As palabras perdidas: vixencia de Sefarad. Pegadas xudías entre nós” é o título do Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que chega a Ribadavia do 15 ao 18 de xuño no pazo da cultura desta vila para recuperar a memoria da presenza sefardí en Galicia e España e, nesta ocasión, con Ribadavia e a súa distinguida xudaría como espazo principal.

O curso, dirixido polo profesor universitario e escritor Xosé Antonio Neira Cruz, procura recuperar a memoria “dun pobo expulsado, esquecido, borrados a nosa historia”. Porén, os xudeus foron e seguen a ser parte do tecido cultural da Península ibérica xa que “probablemente ningún outro pobo poida demostrar unha permanencia tan continuada nun territorio que, así e todo, persiste en vivir de costas a esas raíces, das cales beben tradicións que chegan ata os nosos días na arte, na lingua, na literatura, na música, na ciencia, no pensamento e ata na culinaria”.

Entre os temas a tratar analizaráse a presenza xudía en Galicia no pasado e no presente, o seu legado escrito e artístico, as xuderías como espazo a redescubrir no cultural e no sector turístico e a tamén a relación da herdanza sefardí coa gastronomía e enoloxía actual.

Os e as participantes deste curso non só poderán coñecer a través de persoas expertas o legado xudeu en Ribadavia e a Península Ibérica, senón que tamén poderán participar nun obradoiro culinario con gastronomía propia sefardí a cargo de Álvaro López Asensio, historiador, teólogo, escritor e experto en culinaria sefardí; e asistir, ademais, á proxección dun filme, Ha-Bilti Rishmi (2018), e a mesa redonda posterior. Tamén está incluída a inauguración da exposición Benjamín de Tudela. Un viajero en el tiempo, da Rede de Xudarías de España.

“As palabras perdidas: vixencia de Sefarad. Pegadas xudías entre nós” conta con persoas expertas como José Hinojosa Montalvo, catedrático emérito de Historia Medieval da Universidade de Alacante e fundador da revista Anales; María Gloria de Antonio Rubio, doutora en Historia e investigadora do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia); Noa Hakim, voceira da Embaixada de Israel en España; María Royo, responsable de comunicación da Federación de Comunidades Judías de España (FCJE); Marta Puig, xerente da Red de Juderías de España; Walter Wasercier, fundador de Háblame de Sefarad; María Sánchez Pérez, profesora de IEMYRhd-Universidade de Salamanca; María Royo, responsable de comunicación da Federación de Comunidades Judías de España (FCJE); Paloma Díaz-Mas, catedrática da Universidade do País Vasco, especialista en estudos sefardís no CSIC, novelista e membro da Real Academia Española; Esther Bendahan Cohen, escritora, gañadora do XXIII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua castelá da Deputación da Coruña (2011) e responsable do departamento de Cultura do Centro Sefarad-Israel (Madrid); María Sánchez Pérez, profesora de IEMYRhd-Universidade de Salamanca; Assumpció Hosta, secretaria xeral de AEPJ, Association of European Jewish Heritage ou Xosé Ramón Pousa Estévez, ex-decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, xornalista e enólogo.

A inscrición para este curso de verán durará ata o 2 de xuño a través da seguinte ligazón, https://www.usc.gal/es/servicios/area/cultura/formacion/universidad-verano/palabras-perdidas-vigencia-sefarad-huellas-judias-nosotroas-13276 , cun custo de 120€ para o público xeral pola asistencia os 4 días a todos os contidos, sendo só 70€ coa tarifa reducida, aplicable a estudantes universitarios, de bachalerato ou de formación profesional, pensionistas, desempregados/as, socios/as da Asociación de Antigos alumnos da USC, PDI e PAS da USC.