Formación empleo

Curso de formación para evitar a sinistralidade en traballos de altura

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebra dúas edicións para 40 persoas dunha formación coa que quere impulsar a protección persoal e colectiva e a seguridade nos traballos temporais con escada

Óscar Gómez

Ourense | 20.04.2023 07:58

Curso de formación para evitar a sinistralidade en traballos de altura
Curso de formación para evitar a sinistralidade en traballos de altura | onda cero

O curso, que se celebra en dúas edicións hoxe e mañá e os próximos 26 e 27 de abril ten como obxectivo brindar coñecementos sobre os requisitos regulamentarios, aspectos técnicos, a tipoloxía de equipos de traballo e medios de protección colectivos e individuais cos que deben protexerse as persoas traballadoras.

Cada unha das formacións de carácter interno desenvolvidas polo Issga, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) que hoxe arrancan, conta cunha duración total de 10 horas lectivas, repartidas en dúas xornadas, de carácter práctico a participación dun total de 20 alumnos por curso.

Entre as persoas destinatarias, inclúese así persoal do Issga e técnicos dos servizos de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia e outro persoal interesado que traballa ao servizo da Administración autonómica, así como das súas entidades instrumentais.

As principais causas de sinistro neste tipo de tarefas, especifica o Issga, prodúcese nas caídas en altura, moitas veces provocadas polo mal uso das escadas de man.

A proposta de formación interna do Instituto vai ligada ás actuacións que se desenvolven nas distintas áreas preventivas, cun carácter interdisciplinar e tendo en conta as demandas do persoal técnico. Deste xeito permítenos reforzar a labor de investigación, asesoramento e asistencia técnica ás organizacións sindicais e empresariais e aos demais axentes económicos para un mellor cumprimento da normativa en prevención de riscos.

Campaña específica

O curso coincide coa campaña específica que a Xunta de Galicia está a promover para evitar os accidentes laborais coa utilización destas ferramentas co título Non caias da escada. A iniciativa de divulgación foi elaborada no seo do grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e ten como finalidade achegar información sobre os criterios de selección de escadas, as medidas preventivas antes do seu uso, como deben colocarse e usarse de xeito correcto, as indicacións para o seu traslado e almacenamento e os equipos de protección individual que se van utilizar. Deste xeito, trátase de sensibilizar á poboación para reducir a sinistralidade derivada das caídas de altura cando se realizan traballos nos que se utilicen as escadas.

Entre outros consellos, a campaña avoga pola utilización da escada de man soamente para o ascenso e descenso a un determinado lugar de xeito esporádico e cando non se conta con outra alternativa. Insta, así, a limitar o uso da ferramenta ás circunstancias nas que a utilización de outro equipo de traballo máis seguro non estea xustificado, polo baixo nivel de risco e/ou polas características da localización.

O material técnico, tríptico e cartel da campaña ao dispor das persoas interesadas na seguinte ligazón: https://issga.xunta.gal/gl/campanas/non-caias-da-escadaprevencion-de-riscos-nas-escadas