Economía

Dende este mércores poderase solicitar as axudas do bono de enerxóa peme e comercio

Esta nova liña de axudas, coa que se prevé chegar a 1000 pemes e autónomos de sectores como o comercio ou a hostalería, permitirá mobilizar ao redor de 5M€ e aforrar 300.000 euros ao ano na factura enerxética destas empresas e negocios

Óscar Gómez

Ourense | 12.04.2021 08:14

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou que o vindeiro mércores 14 de abril ábrese o prazo para solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme e Comercio, que ten como obxectivo axudar a pemes e autónomos dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da pandemia a mellorar as súas instalacións enerxéticas con apoios que suman un total de 3 millóns de euros.

Esta nova liña de axudas, coa que se prevé chegar a 1000 pemes e autónomos de sectores como o comercio ou a hostalería, permitirá mobilizar ao redor de 5M€, aforrar 300.000 euros ao ano na factura enerxética destas empresas e negocios, unha redución do consumo enerxético de 3000MWh/ano –o impacto equivalente na redución de CO2 de plantar 45.000 árbores–, así como crear ou manter ao redor de 70 postos de traballo.

Os apoios, que serán de concorrencia non competitiva, terán unha intensidade do 80% ata un máximo de 6000 euros por centro de traballo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% sen necesidade de presentar avais. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 14 de abril e o 30 de xuño, ou ata que se esgote o crédito, mentres que as actuacións poderán terse executado desde o pasado 1 de xaneiro e ata o vindeiro 30 de setembro.

As axudas poden destinarse á mellora da envolvente a través de toldos ou láminas de control solar ou térmico; á renovación dos equipos de iluminación interior ou exterior; á mellora das instalacións eléctricas; á renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; así como equipos para a redución do consumo enerxético nas instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Tamén se poderá utilizar para sistemas domóticos e inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.

Fondos Next Generation

Conde asegurou que, neste contexto de transición dixital e ecolóxica, a Xunta vai estar acompañando a todo o tecido produtivo. E, nese sentido, amosou a disposición da Administración autonómica a traballar conxuntamente co novo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viractec) —que aglutina 50 empresas que facturan preto de 3000 millóns de euros— para impulsar o sector e acadar os obxectivos de neutralidade climática que nos temos marcado desde Galicia.

O vicepresidente económico apuntou que os fondos Next Generation son unha oportunidade para que Galicia poida liderar proxectos de transformación dixital e ecolóxica nun contexto onde a economía circular vai centrar moitas das solucións innovadoras que se plantexen. Así, convidou ao clúster Viratec a facer achegas á candidatura galega a estes fondos porque, entre as cinco cadeas de valor sobre as que teñen un maior impacto os 354 proxectos que a compoñen, cun orzamento estimado de case 19.700 euros, unha delas é a economía circular e a transición enerxética.

Nesta liña, sinalou que, entre os proxectos que encaixan na cadea de valor deste sector, figuran catro moi relevantes que forman parte do Polo para a Transformación de Galicia: a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e da celulosa, a posta en marcha dun centro para o impulso da economía circular orientado á valorización de residuos, a produción de hidróxeno verde coa instalación dunha planta inicial nas Pontes deseñada por Reganosa co apoio da Xunta, ou o desenvolvemento en Galicia de nova potencia renovable eólica e solar. Estes dous últimos proxectos facilitarán o autoabastecemento enerxético da fábrica de fibras téxtiles e do centro de economía circular.