O Grupo Municipal Popular denuncia que o goberno municipal teña totalmente desatendido o sector turístico cando as estatísticas do INE reflicten unha alza moi notoria nas cifras de turistas que chegan a cidade de Ourense dende que se puxo en funcionamento a Alta Velocidade. “As empresas privadas están a facer o seu traballo en relación ao sector turístico, mentres que o concello de Ourense, que debería ofrecer ferramentas aos guías e aos puntos de información, e tamén manter as instalacións en boas condicións, non está a traballar por este sector, do que se poden obter moitos beneficios para a cidade”, denuncia a concelleira dos populares Ana Méndez.
O Partido Popular lamenta tamén que a cidade durante esta ponte, a máis longa do ano, na que moitos hoteis e restaurantes teñen xa colgado o seu cartel de completo, non estea preparada para ofertar aos turistas uns bos servizos. “Empezando polo máis básico, cando unha persoa se baixa do tren e sae a rúa, non sabe a onde ten que dirixirse se non emprega o mapa do seu móbil, non hai ningún tipo de sinalización na zona que compete ao concello nin tampouco unha oficina turística”, denuncia a concelleira, quen adianta que “a única administración que está poñendo da súa parte é a Xunta de Galicia, que está a reformar a antiga oficina de turismo da Ponte Romana e na que incluirá ademais un espazo de exposicións”.
Seguindo nesta mesma liña a popular lembra que “mentres o goberno galego impulsa actividades culturais con numerosas iniciativas e subvencións, o goberno local adícase a pechar os espazos culturais como o Museo Municipal ou Espazo Lusquiños, por non falar de que a programación de actividades para a ponte da Constitución é inexistente, tamén durante o resto do ano”.
“Hai moito que amosar da nosa cidade e da nosa cultura e moitas formas de beneficiarse desde incremento turístico que non se están a aproveitar, os turistas levan unha mala imaxe dunha cidade tan enriquecida patrimonialmente como a nosa cando se podería preparar unha excelente programación para todos os públicos e idades e potenciar os monumentos e a cultura”, asegura Ana Méndez, quen tamén indica que “en outubro deste ano, cando xa era tempada baixa, chegaron a Ourense 47.446 turistas, fronte aos 20.777 que chegaron no ano 2022. Estamos máis que duplicando o número de visitantes e a administración local segue sen poner da súa parte para mellorar o sector turístico, e máis, incluso diminuíu o número de guías turísticos”.
Por outra banda, o Partido Popular quere poñer ademais de manifesto o agravio que o concello está a acometer cos barrios da cidade, que non contarán con alumeado de Nadal ata o 17 de novembro. “O goberno local converteu a Ourense nunha cidade de terceira división, pois mentres a maioría de cidades de España levan co alumeado posto varias semanas, aquí inaugurouse con atraso e ademais cun menosprezo absoluto aos barrios, que non estarán iluminados ata unha semana antes de Noiteboa. No lugar de axudar aos barrios e potenciar tamén o turismo déixaos as escuras”, lamente Ana Méndez.
Por último, os populares denuncian a situación na que se atopan os diferentes espazos que son de gran interese para as persoas que chegan de fora. “Un dos exemplos máis claro é o paseo que conduce ás termas, que está en mal estado e o goberno municipal non se molesta en realizar a seu mantemento cando sabe e se vanagloria que os hoteis están cheos”, critica a concelleira. “Outro dos exemplos é o do Xardín do Posío, que está totalmente desmantelado cando podía e en tempos foi un dos maiores reclamos para a xente polas súas aves no estanque e a súa variedade arbórea e floral”, engade. “Un espazo que no Nadal podería estar moi ben decorado e un espazo polo que o Partido Popular loitou sempre, e incluso no ano 2021 presentou un proxecto para reformalo por un importe de 2.8 millóns de euros que despois o alcalde deixou no esquecemento”, conclúe Ana Méndez