Ourense Cidade

O PP denuncia a nefasta xestión do goberno local no ámbito de seguridade cidadá

“Hai fochancas de gran tamaño, baldosas rotas en todas as rúas e árbores que impiden a visibilidade” denuncian os populares.

Óscar Gómez

Ourense |

O PP denuncia a nefasta xestión do goberno local no ámbito de seguridade cidadá
O PP denuncia a nefasta xestión do goberno local no ámbito de seguridade cidadá | La Región

O Grupo Municipal Popular quere denunciar a nefasta xestión do goberno local co ámbito da seguridade cidadá. “Na rúa de Santa Ana, á altura dos contedores, hai unha fochanca na que entra practicamente unha persoa de pé, o que é un auténtico perigo para calquera peón que transite por esa rúa. Un perigo que podería xerar unha desgraza irreparable”, denuncian os populares.

Esta situación esténdese a todos os barrios da cidade, así o vén de manifestar o grupo municipal popular nas xuntas de área despois de escoitar as denuncias dos veciños e veciñas. “As caídas na rúa estanse a converter, por desgraza, nunha constante porque hai numerosas baldosas rotas”, indican dende o Partido Popular. “É responsabilidade do Concello e do grupo de goberno facer un mantemento das rúas e arranxar os seus danos”, engaden.

O Grupo Municipal Popular insiste a diario nesta problemática que continúa sen solución. “Non poden dicir que teñen descoñecemento desta situación nin desentenderse dela porque levamos avisando e denunciado esta situación dende fai varios meses”, explican os populares.

A inexistencia dun plan de poda que abarque a todos os barrios agrava a inseguridade cidadá. “Na rúa Luis Trabazos das Lagoas as ramas chegan as fiestras, non é un caso illado, a maioría de rúas contan con árbores sen podar que dificulta a visibilización de sinais tanto para peóns como para condutores”, lamentan.

Por outra banda, os populares reiteraron o atraso de dous meses que existe co inicio dos cursos e actividades das asociacións de veciños. “Preguntamos en xaneiro polo programa de actividades para o 2024 e a resposta foi que o estaban analizando e preparando. Un mes despois, a resposta volveu a ser hoxe a mesma”, aseguran dende o Grupo Municipal Popular. “Todo apunta a que os veciños e veciñas este ano quedarán sen programación”, critican.

Por último, o Partido Popular quere denunciar o pouco compromiso do goberno municipal coas xuntas de área. “Cada mes quedan numerosas preguntas sen contestar, preguntas que aseguran responder por escrito, pero quedan no esquecemento mes tras mes”, concluén.