O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño vén de denunciar ante a Valedora do Pobo e o Instituto Nacional de Estatística os empadroamentos “masivos” levado a cabo polo Partido Popular no municipio. Os e as socialistas denuncian que das 46 novas altas rexistradas no padrón municipal no último trimestre aprécianse “numerosas irregularidades” unha vez consultado o expediente de altas.
Dende o Grupo Municipal Socialista en Castrelo afirman que estes empadroamentos “masivos” leváronse a cabo en casas “totalmente pechadas e inhabitables e que son propiedade de concelleiros do Partido Popular, do tránsfuga e incluso de familiares directos de cargos do PP”. Os socialistas poñen o foco, principalmente, no núcleo de poboación de Covelas, no que se empadroou a 14 persoas, 7 nunha casa dun concelleiro do Partido Popular e tenente de alcalde, e outras 7 na casa dun familiar directo desta persoa.
Os e as socialistas critican que as persoas empadroadas “non residen no Concello un mínimo de 180 días, tal e como está establecido legalmente” e apuntan a que “tampouco temos constancia de que exista relación entre os empadroados nunha mesma vivenda, nin de que exista autorización por parte dos propietarios da vivenda”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, explica que no caso de Covelas “falamos de dúas casas que non están habitadas e que se atopan pechadas a cal e canto, tal e como puidemos comprobar ao desprazarnos ata Covelas en varias ocasións” e apunta a que “as 7 persoas empadroadas, en cada unha das vivendas, non teñen ningún tipo de relación entre si, polo que nos parece escandaloso este xeito de proceder”. A edil socialista manifesta que “temos dúbidas de que ou ben non existe documentación destes empadroamentos, ou posiblemente a mesma estea falseada, xa que non podes facer 7 contratos de arrendamento diferentes para unha mesma vivenda, polo que decidimos elevar o caso ante o INE e a Valedora do Pobo”.
“O alcalde, que vive en Toén, tamén participou no empadroamento, xa que na casa dos seus pais, vén de empadroar o seu fillo e varios familiares, namentres que na casa doutro concelleiro do PP, fixo o propio coa súa cuñada e o marido da súa cuñada”, explica a voceira socialista Catalina González. A edil tamén apunta a que con esta forma de actuar “estase desvirtuando o censo, xa que os datos non son reais, porque en moitos casos trátase de xente de Ourense, sen relación con Castrelo, só co PP, e que tal e como probamos non vive no municipio, pois as casas en cuestión, concretamente en Covelas, están totalmente deshabitadas”.
Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que xa no pleno do día 12 de xaneiro indicáronlle ao alcalde que reclamaran diante do INE esta situación e solicitáronlle máis información sobre os empadroamentos, sen ter recibido a mesma a día de hoxe. De igual forma destacan que coincidindo co festivo do San Martiño, o día 11 de novembro, “desprazáronse a Castrelo de Miño numerosas persoas para proceder aos empadroamentos”.