Deporte

O deporte náutico de alta competición retorna a Laias

Manuel Baltar visitou estas instalacións deportivas, para analizar xunto cos deportistas as vantaxes do CERLAC, o centro de alto rendemento de Laias, Arnoia e Castrelo

Óscar Gómez

Ourense | 20.07.2020 08:40

Manuel Baltar e Asunción Loriente, en Laias, con membros da selección española xuvenil de remo
Manuel Baltar e Asunción Loriente, en Laias, con membros da selección española xuvenil de remo | deputacion de ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou en Laias as instalacións do centro de adestramento de remo e piragüismo, que retoma a súa actividade trala crise do COVID-19. Os primeiros deportistas de alto nivel que retornan ao CERLAC, o centro de alto rendemento de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño, son os integrantes da selección española xuvenil de remo, quen estes días desenvolven neste centro termal e deportivo os seus adestramentos cara ao campionato europeo de remo que se celebrará en Belgrado no mes de setembro.

Trátase das selección xuvenís feminina e masculina, que abren así o novo calendario de etapas de preparación para deportistas. Ao fronte da expedición está a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, quen analizou con Manuel Baltar o calendario de adestramento das diferentes seleccións nacionais de remo, así como os plans, equipamentos e infraestruturas de que dispón o CERLAC para optimizar ao máximo os períodos de preparación dos deportistas.

Baltar confirmou que as instalacións de Laias teñen para os próximos meses “un nivel de ocupación máximo” en canto a deportistas das diferentes categorías da selección española e tamén doutros países, tanto para remo como para piragüismo. “Laias convértese así nun centro dos máis importantes de España e de Europa en cuanto á preparación de competicións internacionais, e a presidenta da federación, que xa celebrou o centenario desta entidade en Ourense, é unha aliada estratéxica no desenvolvemento desta acción, que supón situar ao CERLAC como capital do remo e do piragüismo, e sen dúbida, un lugar onde, neste caso, a selección xuvenil masculina e feminina nos visitan, proxectan a súa actividade e contribúen á dinamización social e económica, nun momento, despois do COVID-19 no que, con este tipo de concentracións de deportistas, se empeza a recuperar a normalidade e o espírito competitivo, coa vista posta nos próximos campionatos. E para a preparación dos mesmos, Laias revélase como un lugar esencial”, afirma Manuel Baltar.