Igualdade

A Deputación abre no Parque da Igualdade “un espazo para a esperanza e a reflexión”

Ourense conta cun enclave, situado na contorna do encoro de Cachamuíña, onde a cidadanía, a comunidade educativa, familias ou calquera outro colectivo van ter a oportunidade de tomar conciencia desta realidade e visibilizar ás vítimas.

O parque, en forma de lazo, incopora unha escultura de Manuel Buciños, “El abrazo”, na que se rende homenaxe permanente ás máis de 1.100 mulleres asasinadas desde 2003 e cuxos nomes figuran ao pe da peza artística.

Óscar Gómez

Ourense | 22.11.2021 08:03

A Deputación abre no Parque da Igualdade “un espazo para a esperanza e a reflexión”
A Deputación abre no Parque da Igualdade “un espazo para a esperanza e a reflexión” | Onda cero

O Parque da Igualdade está chamado a ser “un espazo para a esperanza, pero tamén para a reflexión na loita contra a violencia de xénero”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, durante a inauguración deste novo enclave que, situado na contorna do encoro de Cachamuíña, lembra e rende homenaxe ás máis de 1.100 mulleres asasinadas desde 2003 e cuxos nomes figuran ao pe da escultura “El abrazo” de Manuel Buciños.

O acto inaugural, que incluíu a ofrenda dunha coroa de loureiro en homenaxe ás vítimas, contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; membros da corporación provincial; o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor; o propio Manuel Buciños; representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado; e mesmo da cardióloga Luisa Pérez, que onte recibiu o primeiro Premio Olimpia Valencia.

O presidente provincial subliñou a importancia da data de hoxe, 20 de novembro, na que se celebra o Día Internacional do Neno, “que tamén son vítimas”; a piques de celebrar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, “reivindicando a igualdade”; e nun día “no que comezaba a historia da democracia en España”.

Unhas datas que se suman á elección do enclave do Parque da Igualdade, que o presidente provincial explicou pola orixe, no Concello de Pereiro de Aguiar, “dun tridente de persoas que defenderon e loitaron pola liberdade”. Citou así ao Padre Feijoo, “que naceu en 1676 no Pazo de Casdemiro e autor do primeiro tratado feminista español: “Defensa de las Mujeres”; lembrou a Bernardo González del Valle, o xeral Cachamuíña (1771), “o libertador de Vigo, porque a igualdade tamén é liberdade”; e mencionou a Xosé Ramón Fernánde- Oxea, Ben Cho Shey (1896), un dos grandes do pensamento galeguista.

Tralo agradecemento de Luis Menor pola elección da contorna de Cachamuíña para situar este espazo, a deputada Luz Doporto definiu o Parque da Igualdade como “un espazo concibido para sensibilizar á sociedade na prevención da violencia de xénero, visibilizar e render unha homenaxe permanente ás vítimas e evitar que se esquezan os seus nomes e as súas historias trás un número".

Doporto explicou os detalles dunha nova área na que a cidadanía, a comunidade educativa, as familias ou calquera outro colectivo van ter a oportunidade de tomar conciencia “de como se produce o ciclo e a escalada da violencia”. O parque consta dun paseo en forma de lazo, onde os visitantes atoparán, entre bidueiros e lavandas, obstáculos de pedra e outros elementos que representan o camiño emocional que percorren as vítimas e o deterioro do seu entorno.

No centro do óvalo que forma o lazo, a loita das mulleres pola igualdade está representada por unha escultura do artista e Fillo Adoptivo da provincia, Manuel Buciños, “El abrazo”, que representa a loita das mulleres pola igualdade. Ao pe da escultura figuran os nomes de todas as vítimas da violencia de xénero desde 2003, ano no que se comezou a dispoñer de datos, rodeadas de bolboretas en lembranza das irmáns Mirabal, asasinadas un 25 de novembro de 1960 durante a ditadura de Trujillo na República Dominicana nun feito coñecido como a “traxedia das mariposas”.

O Parque da Igualdade xa forma parte desde hoxe da área natural e de ocio que a Deputación está a crear na contorna do encoro de Cachamuíña, onde desenvolve desde hai tempo un conxunto de actuacións para dar maior valor a este espazo, como a instalación de equipamentos para a práctica deportiva, a ampliación das zonas de aparcamento grazas á colaboración cos comuneiros da Chaira, e unha futura zona na que os novos artistas poderán exponer as súas obras grazas á cesión de terreos por parte da Fundación Cumlaude, ademais das vantaxes que ofrece a súa proximidade ao complexo acuático que se está a construír en Monterrei.