A Deputación de Ourense abriu o prazo de presentación de solicitudes para as axudas do programa ChegOU, unha iniciativa do goberno provincial coa que se presta apoio á natalidade a través de axudas económicas relacionadas coa saúde dos recén nados. “Un exemplo máis da política con perspectiva demográfica que aplicamos na provincia de Ourense, agora apoiando ás familias no momento que máis o precisan”, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar.
O programa ChegOU“é único entre as deputacións galegas e cumpre agora seis anos xusto cando, neste contexto de pandemia, é a nosa obriga concretar en apoio económico unha colaboración que entendemos imprescindible”, dixo Baltar.O presidente subliñou a importancia deste programa, dotado con 300.000 euros “pois é compatible con outras axudas e recolle un apoio máis intenso para os nacementos que se rexistran nos concellos con menor taxa de natalidade, é dicir, nos municipios de reto demográfico de grao 3, onde as axudas serán de 500 euros”.
As axudas do programa ChegOU poderán ser solicitadas por todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 teñan un fillo, adopten ou constitúan a tutela dun menor. Para todos aqueles nacementos, adopcións ou tutelas que se rexistren en decembro, o prazo amplíase ata o 15 de xaneiro de 2022. Os beneficiarios das axudas recibirán a tarxeta electrónica ChegOU de 300 euros - agás como xa se citou nos municipios de reto demográfico de grado 3, onde esta cantidade ampliarase ata os 500 euros- que unha vez activada permitirá a súa utilización en farmacias e parafarmacias da provincia de Ourense para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde.
Presentación de solicitudes
A área deBenestar poñerá en marcha un plan especial de atención durante o mes de xuño, reforzando o cadro de persoal para garantir o servizo ao cidadán, esperando unha importante afluencia de solicitantes durante o próximo mes.
As solicitudes deberán presentarse telemáticamente a través da plataforma ChegOU. Se optan por presentar a solicitude desde a súa casa poderano facer a través de certificado dixital, o ChaveOU, un novo sistema de clave concertada que facilita ao cidadán un mecanismo de identificación para a utilización dos servizos electrónicos ofrecidos pola administración provincial. Todas as instrucións para pedir a ChaveOu están tamén dispoñibles na web da Deputación de Ourense. As persoas con dificultades para a presentación telemática da solicitude poderán acceder a un sistema presencial de atención ao cidadán para concertar unha cita.