Cinco salas da provincia de Ourense achegarán ao público o cine galego máis actual a través do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa coa que a Deputación de Ourense e maila Academia Galega do Audiovisual queren contribuír á promoción e difusión da mellor produción galega, achegándoa aos concellos que non dispoñen dunha oferta cinematográfica estable. O ciclo foi presentado hoxe no Pazo Provincial pola deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, e a vogal da academia Saamira Ganay.
As cinco salas, aínda por determinar, acollerán desde o 26 de marzo e ata decembro -agás nos meses de xullo e agosto- proxeccións mensuais, con acceso gratuíto, das películas finalistas dos premios Mestre Mateo, achegando ao público o máis destacado do audiovisual galego actual. Unha programación que tamén se estenderá a 20 concellos de toda Galicia.
Na presentación, Patricia Torres sinalou que este é o resultado do compromiso adquirido polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, en apoio da labor que desenvolve a Academia Galega do Audiovisual, “que ademais inclúe a celebración en Ourense da gala dos premios Mestre Mateo no ano 2023”. A deputada de Cultura, que tamén destacou a colaboración da propia academia co Festival Internacional de Cine, engadiu que con este proxecto “seguimos traballando polo cinema galego e por converter a Ourense nun gran plato para as producións audiovisuais”.
“Apoio decidido e incondicional da Deputación de Ourense”
Saamira Ganay, entre tanto, agradeceu “o apoio decidido e incondicional da Deputación de Ourense en todo o que ten que ver co audiovisual galego”. Sen este compromiso, dixo, “sería imposible levar a cabo unha iniciativa que consideramos tan necesaria como ilusionante”. Unha das misións da academia, explicou, “é promover o desenvolvemento económico e social da cidadanía a través das actividades relacionadas co audiovisual, por iso desde o primeiro momento no que comezamos a deseñar este proxecto xunto coa Deputación de Ourense estivo moi presente a contribución que facemos á sociedade con esta programación”.
A ourensá Saamira Ganay tamén destacou que o 2022 “é un ano moi especial na historia da academia, pois cumpre o seu vixésimo aniversario, converténdonos nunha das academias máis antigas e con máis tradición de todo o territorio español, e imos celebralo poñendo en marcha o Ciclo Mestre Mateo que sen dúbida é o proxecto con máis impacto social de cantos temos realizado nos últimos anos”.
A Academia Galega do Audiovisual ofrecerá na web ciclomestremateo.gal toda a información sobre as películas que compoñen a programación e salas de proxección, ademais de incorporar ferramentas para os técnicos de cultura de cada concello, que terán o apoio de representantes da academia. Ao remate do ciclo convocarase tamén un encontro para valorar o resultado do proxecto e escoitar as achegas dos responsables das proxeccións para próximas edicións.