O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo unha reunión de traballo no Pazo Provincial con Santiago Ferreiro, reelixido presidente da Asociación provincial de empresarios da Construción de Ourense (ACO), para seguir avanzando nas liñas de colaboración abertas entre a institución provincial e a entidade empresarial.
Na reunión concretouse o impulso a un novo proxecto de análise en tempo real enfocado ao servizo público para seguir avanzando no impulso a eixos de desenrolo estratéxico provincial -como o termalismo-, seguindo a liña de iniciativas pioneiras xa implantadas nos últimos anos grazas á colaboración entre a Deputación e ACO como “Xeovivenda”, referida á análise do mercado da vivenda na provincia de Ourense.
Manuel Baltar define o encontro de traballo como “moi frutífero” e o enmarca na “dinámica positiva de colaboración dos últimos anos, e da que esta mañá sae este futuro convenio que concretaremos nalgún dos proxectos de interese prantexados por Santiago Ferreiro”. O presidente da Deputación remarca a importancia deste futuro proxecto, que “sigue a estela de iniciativas xa elaboradas con ACO para axudar a mellorar a información en tempo real do estado da provincia en cuestións transcendentais, reforzando o liderado en innovación e transparencia deste goberno”.
O titular do goberno provincial tamén destaca o traballo e o esforzo realizado por ACO, “nun sector fundamental como é o da construción”, animando ao equipo liderado por Ferreiro a “seguir nesta liña, na que sempre contará coa máxima colaboración institucional”.
Pola súa banda, Santiago Ferreiro incide na importancia da cooperación entre ACO e a Deputación: “Despois da miña reelección, a primeira visita institucional debía ser ao meu presidente, para agradecer a súa colaboración, manifestada en acordos como o que deseñaremos nos próximos tempos, sempre polo ben e o progreso dos veciños da provincia de Ourense”.