A Xunta e a Deputación de Ourense asinaron o convenio de colaboración que garante o remate do parque acuático de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, cun investimento de case 3,6 millóns de euros por parte da institución provincial. A achega destinarase á execución das tres fases que restan do proxecto ao longo do bienio 2025-2026, de xeito que o orzamento global desta área deportiva e de lecer ascenderá a preto de 13 millóns de euros.
A Xunta financiou integramente a primeira fase do parque acuático, con 7,8 millóns de euros para a construción do edificio principal de servizos e accesos, unha zona acuática infantil, área de tobogáns e piscinas. O acordo asinado permite completar estas instalacións, ampliándoas con novos vasos, tobogáns e outros elementos de lecer cun investimento de 1,5 millóns de euros en 2025 e preto de 2,1 millóns de euros en 2026.
O parque acuático de Monterrei convértese así nun amplo complexo lúdico-deportivo onde se integran dúas zonas diferenciadas e complementarias. Por unha banda, a citada área acuática e, por outra, unha zona deportiva con pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cross e pista de pump track. Esta última, executada nunha fase previa, supuxo a maiores un investimento superior ao millón de euros por parte da Xunta. Deste xeito, o total das achegas autonómicas ascende a preto de 9 millóns de euros.
No primeiro ano de funcionamento coa primeira fase completada e con apertura de xuño a setembro, o parque acuático recibiu preto de 100.000 persoas usuarias, o que pon de manifesto a importancia do complexo para a cidadanía da contorna e a atracción de visitantes tanto doutras áreas da provincia como do resto de Galicia e do norte de Portugal.