A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases que rexerán os premios de novela Eduardo Blanco Amor; o galardón Rodolfo Prada á xestión cultural; e o certame de debuxo e redacción escolar sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia. Na sesión, celebrada no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobouse tamén a concesión de máis de 360.000 euros en axudas á entidades sociais, culturais, turísticas e deportivas.
O XLII Premio Eduardo Blanco-Amor de novela, organizado pola Deputación e a Fundación Blanco-Amor, ten como obxectivo difundir a literatura en Galicia e manter viva a figura do autor de A Esmorga. O premio ten unha contía económica de 15.000 euros e inclúe unha peza conmemorativa do escultor Acisclo Manzano. A este certame poderán presentarse persoas de calquera nacionalidade con novelas escritas en lingua galega e na normativa vixente. As obras deberán ser inéditas, non estar premiadas en ningunha outra convocatoria, nin publicadas ou rexistradas. O prazo de presentación de orixinais rematará o 24 de xullo.
O xurado, que estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega, reunirase para deliberar na última semana de novembro. A entrega do premio celebrarse o día 1 de decembro nun acto literario, coincidindo co 44 cabodano do falecemento do autor.
Dúas distincións máis no Premio Rodolfo Prada
Polo que respecta ao VI Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural, as bases aprobadas hoxe sinalan que poderán participar no certame persoas profesionais, afeccionadas ou colectivos que, dentro deste ámbito cultural, desenvolvan a súa actividade dentro ou fóra de Galicia, pero con claras referencias nos seus contidos e obxectivos á cultura galega.
As modalidades que abarca esta convocatoria están relacionadas cos conceptos máis tradicionais e modernos da cultura, como as artes escénicas, plásticas, audiovisual, etnografía, letras, música, patrimonio histórico e cultural, industrias culturais e creativas, e proxección exterior da cultura galega.
O premio Rodolfo Prada 2023, que conta cun orzamento de 10.000 euros, consta de tres categorías: proxectos culturais promovidos por persoas físicas, tanto profesionais como voluntarias, ou colectivos, cun premio de 3.000, 2.000 ou 1.000 euros, respectivamente. O galardón complétase cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns de recoñecido prestixio, así como un diploma acreditativo.
No capítulo de distincións, esta sexta edición ten dúas novidades. Por unha banda haberá un premio por cada unha das provincias galegas, facendo referencia expresa a cal delas corresponde a cada ganador, que recibirá como premio unha escultura, diploma acreditativo e unha dotación económica de 1.000 euros.
Ademais, o xurado concederá un premio especial - escultura e diploma- á iniciativa cultural desenvolta fóra de Galicia que mellor se axuste ao espírito do certame. Para este apartado pediránselle tres proposta á Federación Estatal de Asociacións de Xestores (FEAGC) sobre as que o xurado tomará a súa decisión. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 11 de marzo e o fallo do xurado farase público nos días previos a celebración da Ourense ICC Week 2023, en cuxo transcurso celebrarse o acto de entrega de premios.
“Galicia, catro provincias”, lema dos premios sobre o Estatuto de Autonomía
Tamén hoxe foron aprobadas as bases do X Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar, que este ano terá como lema “Galicia, catro provincias”. No certame poderán participar, sempre con traballos individuais, os estudantes de todos os niveis educativos divididos en dúas modalidades.
A primeira corresponde aos escolares de infantil, primaria e educación especial, que poderán participar cun debuxo ou traballo artístico que faga referencia ao lema da convocatoria. A segunda modalidade está dirixida ao alumnado de ESO, Bacharelato e ciclo medio de FP, que poderá presentar unha redacción sobre o Estatuto.
En ambos os casos, o prazo de presentación dos traballos rematará ás 14.00 horas do 22 de marzo e o xurado fará público o seu fallo o día 30 do citado mes. De modo excepcional, debido ao período vacacional de Semana Santa, este ano o acto de entrega de premios -que inclúen libros, visitas ao Parlamento de Galicia e a participación en actividades culturais- celebrarase o día 11 de abril e non o día 6 como é tradicional coincidindo coa data da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.