A Deputación de Ourense continúa a intensificar a súa cooperación cos municipios da provincia a través de diversas obras rematadas recientemente para o arranxo de estradas municipais, nas que a institución provincial aportou o traballo de persoal e maquinaria, mentres que os consistorios asumen o custe dos materiais necesarios para as obras.
Así, en Xunqueira de Espadanedo, a Deputación cooperou nos traballos de bacheo, regularización e rega superficial e selado nos camiños municipais de Carbuiz-O Mato, Xunqueira-Rúa O Río, Niñodaguia e Xunqueira. O orzamento é de 10.302,54 euros.
En Xinzo da Limia tamén se realizaron traballos de bacheos e arranxo das vías públicas en Cima de Ribeira, Ganade, San Vitorio, Casas da Veiga, Gudes, Lamas, Moreiras, Soutelo de Ribeira, Mosteiro de Ribeira, Guntimil, San Pedro e Xinzo. O orzamento provincial é de 14.328,08 euros.
No municipio de Lobios, a Deputación tamén cooperou nos traballos de reparación dun muro en Cimadevila e do pavimento en Rial, todo elo cun orzamento de 12.001,19 euros. En Vilariño de Conso, por outra banda, reparáronse baches no acceso a Chaguazoso e na vía Vilariño-Canteira-Prado Alvar, por un importe de 2.103,72 euros.
Reparación de firme na Peroxa
A pasada semana, as brigadas da sección de Conservación da Deputación de Ourense finalizaron os traballos de reparación definitiva dos baches que se formaran na curva da OU-0502 Toros (OU-0529) – Os Peares (N-120), cuxo trazado fora mellorado recientemente. As fortes e sucesivas precipitacións do último mes incidiron negativamente no firme e foi necesario actuar sobre a capa drenante do firme para incrementar a súa capacidade de evacuación. Así, con carácter previo á reparación definitiva, iniciada o 21 de novembro e finalizada a semana pasada, realizáronse reparacións provisionais para garantir o mantemento da vialidade, así como unha circulación segura polo tramo.