O presidente da Deputación, Manuel Baltar, asinou o convenio "Ourense, a provincia termal dixital" cos responsables dos balnearios de Laias, Lobios, Arnoia, Cortegada e Partovia: Javier Soto -polos tres primeiros, do Grupo Caldaria-; Cristina Álvarez e Carlos Garrido, que estivo acompañado por Eva Álvarez. Este acto entre a Deputación e os cinco balnearios ourensáns dotados actualmente con piscinas mineromedicinais termais supón a posta en marcha dunha iniciativa á que se irán sumando novos establecementos e que permitirá dixitalizar a oferta de servizos termais na provincia, facilitando aos usuarios a contratación dos mesmos a través das novas tecnoloxías.
O acto de sinatura do acordo celebrouse no balneario de Berán, onde a Deputación está a realizar un investimento de 400.000 euros para a súa posta a punto, “o que suporá incorporar unha nova infraestrutura, con augas mineromedicinais de excelente calidade, á oferta balnearia da provincia”, adiantou Manuel Baltar.
O balneario de Berán, remarcou, tamén formará parte no seu momento deste programa de dixitalización, para “converter a Ourense nunha provincia termal dixital, con capacidade para ofrecer a calquera usuario, desde calquera lugar, desde calquera dispositivo e a través de medios de pago actuais as ofertas balnearias dos nosos establecementos, comezando polos que hoxe están aquí representados”.
A sinatura deste convenio, “unha foto fixa da colaboración público-privada”, valorou Manuel Baltar, “abre as portas a novas oportunidades para deseñar, por exemplo, bonos dixitais ou asociarse para lanzar ofertas específicas”. Novas liñas de promoción “nas que non só sumamos, senón que multiplicamos, poñéndonos desde a Deputación a disposición do sector e seguir sendo de utilidade no seu desenvolvemento”.
Laias, Lobios, Arnoia, Cortegada e Partovia, sinalou o presidente do goberno provincial, “inician unha nova etapa na excelencia do termalismo ourensán, onde á calidade das súas augas engádese unha nova fórmula de atención ao usuario”. Este feito, xunto á próxima apertura do balneario de Berán e a proximidade en tempo á capital do Estado pola alta velocidade, veranse reforzados, lembrou Manuel Baltar, “polo importante motor que suporá o gran hotel balneario que imos construír no Pazo Provincial, unha infraestrutura de referencia en Europa que non só será un elemento tractor da cidade, senón do termalismo en toda a provincia”.
Nova experiencia de compra para o cliente e aumento das opcións de venda
O programa que vén de implantar a Deputación permitirá crear un canal dixital para promocionar a oferta de servizos termais, xerando unha nova experiencia de compra para o cliente e aumentando as opcións de venda. Este canal facilitará a reserva e o pagamento as 24 horas do día durante todo o ano, a través do móbil, desde calquera lugar e mediante a aplicación Bizum. A dixitalización baséase en códigos QR que acreditan a reserva e mailo pagamento, sendo escaneados nos propios balnearios á chegada do usuario. Xunto coa contratación online, este novo sistema tamén abre novas oportunidades de fidelización aos centros termais, que poderán comunicar ofertas especiais, promocións e novos programas.
Coa sinatura destes convenios, a Deputación de Ourense e os balnearios conseguirán que en decembro xa estean dispoñibles algunhas ofertas de tratamentos e servizos de xeito dixital. Nunha primeira fase inclúense os balnearios ourensáns que contan con piscinas mineromedicinais termais, cinco dos sete da provincia, e nun segundo momento incorporaranse o resto. As previsións sitúan no primeiro trimestre de 2023 o prazo para que todos os balnearios dispoñan xa dalgunha oferta dixital