Medio Ambiente

A Deputación organiza un congreso virtual do proxecto Gêres-Xurés Dinámico

Coa participación de relatores galegos, portugueses e doutros puntos de España que aportarán as súas experiencias sobre outras reservas transfronteirizas ibéricas

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 19.10.2020 08:10 )

Proxecto Gêres-Xurés Dinámico | onda cero

O proxecto Gerês-Xurés Dinámico protagonizará o próximo mércores, 21 de outubro, un Congreso Virtual Transfronteirizo organizado pola Deputación de Ourense e cofinanciado polo Programa Interreg V A España-Portugal, coa finalidade de promover a protección e xestión sustentable dos recursos naturais da Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés (RBTGX).

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, inaugurará este congreso, que no acto de apertura contará tamén coa presenza de Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, e Luis Pedro Martíns, presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, ademais de representantes da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, da Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Regional do Norte, do Instituto da Conservaçâo da Natureza e das Florestas e do Programa Interreg V A España-Portugal.

O principal obxectivo do proxecto Gerês-Xurés Dinámico é fortalecer a entidade e identidade propia da Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés, a través do fomento da participación activa dos actores do territorio, a promoción do seu desenvolvemento económico e turístico sostible e a protección e conservación do seu patrimonio natural e cultural.

Deste xeito contribuirase a mellorar a protección e xestión sostible destes espazos naturais, cuxo carácter transfronteirizo obriga a cooperar e traballar conxuntamente a todos os organismos implicados a ambos os dous lados da fronteira.

Co catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Grupo Colmeiro, Luis Caramés, como moderador, o Congreso comezará coa intervención de Serafín Pazos, responsable de la Office of Convention of Scottish Local Authorities e redactor técnico do Comité das Rexións acerca do Regulamento INTERREG 2021-2027, que falará sobre a “Cooperación Territorial e Patrimonio Natural e Cultural: perspectivas para o INTERREG 2012-2027”.

A xornada continuará coa presentación de diferentes paneis sobre patrimonio cultural, natural e turismo, onde cabe destacar a presentación dos vídeos Aquis Querquennis 3D da Deputación de Ourense, que serán utilizados en APPs para as visitas ao xacemento arqueolóxico. Trátase de cinco traballos audiovisuais nos que se combinan actores reais cunha minuciosa recreación en tres dimensións do campamento romano no momento do seu uso por un continxente militar e localizado ao carón da Vía Nova, a calzada romana que comunicaba Bracara (Braga) con Asturica (Astorga).

Os paneis alternaranse concharlas-coloquio e unha mesa redonda sobre as reservas transfronteirizas ibéricas, ata a presentación de conclusións e peche do congreso que correrá a cargo do moderador Luis Caramés.

Todas as persoas interesadas en asistir ás distintas sesións deste Congreso poden realizar a súa inscrición e descargar o programa de relatorios na web da Deputación de Ourense (www.depourense.es)