Integración

A Deputación de Ourense adica o seu “8M, mes a mes” de xuño ás mulleres emprendedoras no rural

A campaña da Deputación “8M, mes a mes”, dalle o protagonismo a Lorena Quintas Rejo, emprendedora con discapacidade no rural que creou a súa propia empresa, Xogo de fíos, en Outeiro de Laxe (Allariz).

Óscar Gómez

Ourense | 07.06.2024 09:53

A Deputación de Ourense adica o seu “8M, mes a mes” de xuño ás mulleres emprendedoras no rural
A Deputación de Ourense adica o seu “8M, mes a mes” de xuño ás mulleres emprendedoras no rural | onda cero

A área de Igualdade da Deputación continúa coa súa campaña “8M, mes a mes”, na que cada día 8 fan un recoñecemento especial en honra ás mulleres con profesións de gran relevancia ao longo da historia ou que romperon barreiras. Deste xeito, búscase promover durante todo o ano a importancia das mulleres e o seu traballo, facendo referencia expresa a ditas profesións con figuras da provincia.

Segundo explica a deputada de Igualdade, Teresa Barge, “neste 8 de xuño faremos referencia ao Emprendemento inclusivo de mulleres con discapacidade que desenvolven un traballo innovador en zonas rurais”.

A figura seleccionada para a súa representación foi Lorena Quintas Rejo, exemplo de emprendemento inclusivo no rural”. Logo de estudar Ciencias Empresariais, decidiu optar por crear a súa propia empresa, “Xogo de Fíos” que se basa, tal e como ela explica na “artesanía a través do tacto”. Sitúase en Outeiro de Laxe, unha aldea do rural ourensán, en Allariz.

Lorena Quintas defínese a si mesma: “Son unha muller loitadora, empoderada e optimista que convive coa discapacidade dende moi cativa. Para min non é unha barreira, senón que é un valor engadido. Son plenamente consciente de que sacar adiante un proxecto no rural é complexo, especialmente tratándose dun sector alleo ó primario. Pero o esforzo merece a pena e resulta gratificante. Fiada tras fiada voulle dando vida a cada obra ata convertela nunha peza artesanal realmente única”.