A Deputación destinará 500.000 euros anuais a facilitar o acceso ao financiamento das pemes, micropemes e autonómos de toda a provincia de Ourense mediante a concesión de préstamos, líneas de circulantes e avais. Esta nova liña de axuda do goberno provincial estará canalizada a través da Sociedade de Garantía Recíproca da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra e Ourense (Sogarpo).
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente de Sogarpo, Artur Yuste, asinaron esta mañá no Pazo Provincial o convenio de colaboración -que se renovará en 2024 con outros 500.000 euros-, polo que o goberno provincial bonificará as comisións e estudos dos avais outorgados ante as entidades de crédito e outros financiadores a favor de autónomos e pemes domiciliados na provincia de Ourense, ou que acrediten que os investimentos financiados con operación se realizan en territorio ourensán.
Manuel Baltar: “Unha mostra máis da dispoñibilidade desta institución para acompañar a todos aqueles queren facer un Ourense máis potente e ambicioso”
Manuel Baltar enmarcou este convenio na actual situación de incerteza socioeconómica, “ante a que damos un paso adiante para colaborar coas pemes e autónomos da provincia, como tamén fixemos durante a pandemia con axudas directas, garantindo fontes de financiamento coas que acometer proxectos necesarios en diferentes campos, con especial atención á eficiencia enerxética, a dixitalización ou á mellora da capacidade produtiva”.
Os primeiros 500.000 euros anuais que a Deputación destinará a este acordo, sinalou o presidente da Deputación, “proceden da modificación de crédito que levaremos ao pleno de marzo, e para 2024 quedarán reflectidos nos orzamentos que aprobaremos en setembro, dando así continuidade e estabilidade aos proxectos empresariais que dinamizan e melloran o territorio”.
Manuel Baltar agradeceu a Artur Yuste “a posta a disposición dun produto financeiro que persegue bonificar o aval que as empresas e autónomos terían que poñer para financiar os seus proxectos”, destacando que este acordo innovador “é unha mostra máis da dispoñibilidade desta institución para acompañar a todos aqueles que queren facer un Ourense máis potente, ambicioso e con moitos retos por conseguir”.
Artur Yuste expresou o seu agradecemento “a un socio distinguido como a Deputación por favorecer, fortalecer e facer máis accesible que nunca este sistema de financiación empresarial nunha terra de emprendedores, de talento e de iniciativa empresariais”.
O presidente de Sogarpo destacou que “con este acordo entre unha entidade especializada en acompañar novas ideas de empresa e unha institución experta en dinamizar a economía provincial, Ourense consegue reunir condicións excepcionais para a concesión de avais financeiros”. Esta nova etapa, engadiu, “debe traducirse nun salto cualitativo e cuantitativo de pemes, microempresas, autónomos e emprendedores ourensáns que amplían o seu horizonte a través do sistema de garantías”.
Yuste defendeu que, co impulso do auxe de actividade dos últimos anos, o obxectivo é “estender e normalizar que Sogarpo sexa o primeiro aliado e o referente de proximidade e de máxima eficacia cada vez que unha empresa ourensá, un autónomo ou un emprendedor teña que saír en busca de financiación externa”.
Apoio ao financiamento con tres modalidades de axuda
Este convenio procura un marco de apoio estrutural ao financiamento de autónomos e pemes ourensás, afectadas primeiro pola crise sanitaria e despois polos efectos da invasión de Ucraína, que está a ter consecuencias para o tecido produtivo en forma de interrupcións nas cadeas de subministración, así como no encarecemento dos prezos. Neste sentido, explica o convenio, “considérase necesario establecer un mecanismo que lles permita financiar a pemes e autónomos a longo prazo os pagos operativos”. A colaboración entre Deputación e Sogarpo contribúe a dispor dun fondo de manobra suficiente para financiar a actividade empresarial e fomentar o emprego estable e fixar poboación na provincia.
As axudas contempladas no presente convenio tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes e autonómos ourensáns, facilitando:
a) Préstamos avalados para o crecemento das pemes co obxecto de favorecer mediante o aval de Sogarpo e a bonificación do custo do aval, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/o circulante estrutural por parte das pemes ourensás, e dando a posibilidade de aplicar os fondos, total ou parcialmente, ao pago e/o reestruturación de débedas con entidades financeiras, cun máximo de ata 600.000 euros.
b) Operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial, co obxecto de favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes ourensás mediante liñas de crédito de circulante avaladas por Sogarpo en forma de pólizas de crédito, liñas específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagos a provedores e pólizas de comercio exterior. O importe máximo por operación é de 200.000 euros.
c) Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, co obxecto de favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, para garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos. O teito do aval será neste caso de ata 300.000 euros.
En todas estas modalidades, o apoio de Sogarpo consiste nun aval de, como mínimo, o 50 % do importe do financiamento outorgado pola entidade de crédito ou financiadora, que facilite o acceso ao crédito aos Autónomos e pemes ourensáns, sendo bonificado pola Deputación de Ourense o custo do devandito aval, de tal forma que non se lle repercuta o mesmo á empresa.
Financiamento de 216 pemes durante o pasado ano
A actividade desenvolvida por Sogarpo na provincia de Ourense durante o pasado ano permitiu achegar financiación a 216 pemes ou profesionais, por un importe global de 8,4 millóns. O colectivo con maior auxe de operacións foi o dos autónomos, que captaron preto de 3 millóns, un 57 % máis que en 2021. Mentres, os avais dirixidos ao sector industrial sumaron un millón de euros, cun incremento interanual do 153 %. O apoio directo a emprendedores permitiu a creación de 33 novas empresas, ás que Sogarpo destinou 1,85 millóns en avais outorgados.
O risco en vigor en formalizacións realizadas na provincia elévase a 38,1 millóns, que propiciaron un investimento inducido de 61,5 millóns no tecido produtivo ourensán e consolidaron 4.560 postos de traballo nun total de 646 empresas.