Cooperación

A Deputación de Ourense incorporándose ao accionariado do grupo Tragsa

esús Casas agradeceu a decisión do presidente e da Deputación: “Vimos a colaborar e facer achegas e agora imos estar moito máis preto de Ourense e da súa poboación, estando á altura da confianza que depositan en nós”

Óscar Gómez

Ourense | 14.06.2022 09:39

A Deputación de Ourense incorporándose ao accionariado do grupo Tragsa
A Deputación de Ourense incorporándose ao accionariado do grupo Tragsa | onda cero

A Deputacion de Ourense contará cunha nova ferramenta de traballo para a prestación de máis e mellores servizos públicos grazas a súa incorporación ao accionariado do Grupo Tragsa (Empresa de Transformación Agraria, S.A.), sociedade na que tamén participan preto de setenta administracións públicas e que ten entre os seus obxectivos a execución de obras, a prestación de servizos relacionados co medio rural e a conservación da natureza.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial a unha delegación da directiva de Tragsa, encabezada polo seu presidente, Jesús Casas, para concretar os detalles dun acordo que se oficializará o mércores, día 15, en Madrid cando o vicepresidente primeiro da institución ourensá, Rosendo Fernández, estampe a súa sinatura no documento de incorporación ao accionariado.

Manuel Baltar afirmou que “é unha honra inaugurar esta nova etapa na Deputación, na que pasamos a formar parte de Tragsa, mentres a sociedade implícase en Ourense cunha xerencia propia”. Este é un instrumento máis, dixo o presidente do goberno provincial, “para dar maior seguridade e garantía na execución de obras e no desenvolvemento de servizos, o que sen dúbida irá en beneficio dos concellos e da veciñanza”.

Jesús Casas expresou a súa satisfacción por culminar “un proceso largo e calibrado que remata cunha deputación máis na nosa sociedade”. Explicou que Tragsa é o único medio instrumental pertencente ao conxunto das administracións “polo que nos sentimos parte da estrutura deste país e desde esa perspectiva vimos a colaborar e facer achegas”. Jesús Casas agradeceu a decisión do presidente e da Deputación engadindo que agora “imos estar moito máis preto de Ourense e da súa poboación, estando á altura dla confianza que depositan en nós”.

Incorporación aprobada polo pleno provincial

Mediante o documento, a Deputación de Ourense adquire unha acción da sociedade por un importe superior a 8.000 euros. O acordo de compra deste título foi aprobado no pleno que a corporación provincial celebrou o 24 de setembro do pasado ano. Un trámite imprescindible para poder facer encargas a Tragsa, xa que a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público establece que as deputacións provinciais e os consellos e cabildos insulares deben participar no capital desta sociedade para contar cos seus servizos.

Con 45 anos de historia, Tragsa conta no seu accionariado coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e a Administración Xeral do Estado -socios maioritarios-, ademais de todas as comunidades e cidades autónomas e preto de 70 deputacións, consellos e cabildos insulares.

Entre as súas actividades figura a execución de obras, a prestación de servicios relacionados con desenvolvemento do medio rural e a conservación da natureza, así como tamén en materia de emerxencia social, catástrofes naturais ou incidencias climáticas. Posúe preto de 17.000 empregados e no 2021 obtivo unha cifra de produción de 1.118 millóns de euros.