A Deputación de Ourense investirá máis de medio millón de euros (560.394€) na mellora da accesibilidade e dos servizos da área recreativa de Cachamuíña, no Concello de O Pereiro de Aguiar. A institución provincial, como entidade responsable da xestión deste espazo verde, levará a cabo a construción duns baños públicos (247.741 euros), un parque canino (47.653 euros), e a renovación da pasarela (265.000 euros), para continuar a dar maior valor a este espazo de natureza, ocio e deporte na área metropolitana de Ourense.
A primeira das actuacións a realizar é a construción dunha nova pasarela peatonal que vai permitir habilitar un novo tramo de sendeiro que mellore a accesibilidade e elimine as barreiras arquitectónicas que actualmente existen na ruta circular do encoro de Cachamuíña.
![A Deputación de Ourense mellorará a accesibilidade a area recreativa de Cachamuiña A Deputación de Ourense mellorará a accesibilidade a area recreativa de Cachamuiña](https://image.ondacero.es/clipping/cmsimages01/2024/02/13/D90ACB69-C506-4AA5-87D1-B4CD4B354572/58.jpg?crop=5713,3239,x0,y748&width=1000&height=567&optimize=low&format=webply)
Con esta obra, cumprirase cos parámetros técnicos necesarios para garantir unhas condicións de accesibilidade, comodidade e seguridade óptimas para os usuarios que transiten pola ruta do encoro de Cachamuíña. Así mesmo, mellorará o aspecto estético do lugar coa construción dunha nova pasarela que permitirá diminuír os actuais custes de mantemento.