A Deputación de Ourense participa nun proxecto europeo para incrementar a protección e a conservación da natureza, a biodiversidade e as infraestruturas verdes e reducir toda forma de contaminación. A institución provincial capta financiamento europeo (170.342 euros) a través deste proxecto que permitirá, entre outras actuacións levar a cabo un proxecto piloto de restauración ambiental na contorna do encoro das Conchas no concello de Muíños.
O deputado de Axenda 2030, Jorge Pumar asistiu á reunión de posta en marcha do proxecto Green Gap, na sala de xuntas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, principal beneficiaria deste proxecto que ten un orzamento total de 2.178.853,15 euros.
Green Gap potenciará o papel das administracións locais no desenvolvemento de políticas de protección e conservación da natureza efectivas, sendo este o principal elemento innovador do proxecto: facer da administración local un axente clave no desenvolvemento de políticas de protección e conservación da natureza nun territorio que comparte unha mesma realidade xeográfica e problemática ambiental.
Así mesmo, a través deste proxecto preténdese -desde a escala local- protexer, conservar e potenciar a natureza e os elementos que conforman a infraestrutura verde no espazo transfronteirizo, impulsando a súa planificación, contribuíndo á perdida de biodiversidade e valorizando os ecosistemas naturais, o medioambiente urbano e os servizos ecosistémicos. Pretendese tamén a mitigación e a adaptación ós efectos do cambio climático, deseñando un paisaxe resiliente.
Entre as actuacións a levar a cabo a través de Green Gap destaca a implantación de 7 proxectos piloto de infraestruturas verdes, un deles consistirá na restauración ambiental na contorna do encoro das Conchas no concello de Muíños, a modo de accións demostrativas a favor da conservación do medio natural e do incremento dos servizos ecosistémicos, que aumentarán a adaptación do territorio ó cambio climático.
O partenariado está conformado por catro administracións locais, encargadas de implantar accións piloto, tres administracións nacionais/rexionais, responsables de replicar as accións e resultados do proxecto de ambos lados da fronteira, así como por catro entidades científicas, encargadas de impulsar metodoloxías e asegurar o corpo común no proxecto.
Programa de Cooperación Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027
O Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, acordou a concesión dunha axuda FEDER de 1.634.139,87 euros ó proxecto GREEN GAP: Impulso das infraestruturas verdes locais para a restauración da biodiversidade, a renaturalización e o deseño da paisaxe ante o cambio climático das zonas urbanas e rurais de Galicia e Norte de Portugal, dun orzamento total de 2.178.853,15 euros.
Os socios da parte galega son, ademais da Deputación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda – Instituto de Estudios do Territorio a Universidade da Coruña, a Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, o Concello de Pontevedra, e pola parte portuguesa: o Municipio de Paredes de Coura, o Municipio de Guimarães, a Universidade do Minho, e o Laboratório da Paisagem - Associação Para a Promoção do Desenvolvimento Sustentável.