A Deputación de Ourense presenta a imaxe oficial da 25ª edición do OUFF
O presidente da Deputación destaca “a singularidade do festival, que acada o cuarto de século, sendo o evento máis importante do audiovisual galego"
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polos coordinadores artístico e cultural do OUFF, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar, respectivamente, deu a coñecer hoxe no Pazo Provincial a imaxe oficial da 25ª edición do Ourense Film Festival (OUFF). O cartel, obra do pintor Baldomero Moreiras (Celanova, 1955), destaca polo seu colorido e forza plástica, incorporando elementos que fan referencia a algúns dos monumentos máis destacados da capital ourensá como é a ponte romana.
Baltar salienta “a singularidade que este ano terá o festival, que acada o seu cuarto de século, sendo o evento máis importante do audiovisual galego e o de maior proxección cultural da nosa provincia”, e pon de relevo “o traballo que vén desenvolvendo todo o equipo do OUFF, que permitirá nesta esta edición superar ás convocatorias anteriores a pesares das especiais circunstancias que por mor da pandemia está a padecer a cultura xunto cos demais ámbitos da nosa sociedade”.
A obra de Baldomero Moreiras que da imaxe ao OUFF caracterízase por ser tamén exuberante e creativa, ao igual que a figura do cineasta Federico Fellini, do que colle inspiración. O italiano será este ano protagonista, xa que se lle dedica un dos ciclos temáticos que forma parte da programación do festival.
Moreiras é un dos pintores actuais máis relevantes no panorama ourensán e foi autor varios anos dos carteis das festas de Ourense. Tamén realizou unha ducia de carteis para distintos concursos e eventos, e varias exposicións temáticas na cidade de Ourense ao longo da súa carreira. Coa autoría local do cartel, continúase coa tradición de implicar a artistas ourensáns. O pasado ano, o pintor Alexandro foi o encargado de facer o cartel da sección “Cine e Auga” e no 2018, o cartel da Sección Oficial foi obra do deseñador carballiñés Suso Obenza.
Novidades da 25ª edición
Mantéñense as datas previstas do 25 de setembro ao 3 de outubro para o 25 aniversario do OUFF. Esta edición tan especial virá marcada pola situación actual, que obrigará a tomar medidas como a redución do aforo para proxeccións e eventos, que seguirán sempre as medidas sanitarias recomendadas. Nesta edición, o Premio Ourense será para o director Dani de la Torre, e o modisto Adolfo Domínguez recibirá a Calpurnia Especial 25 aniversario.
Ademais, haberá unha homenaxe a Eloy Lozano, fundador e director da primeira edición do Festival de Cine de Ourense, e estrearase “Olvido y León”, a nova película do director ourensán Xavier Bermúdez, na gala de inauguración. O filme foi rodado en diferentes escenarios da provincia de Ourense e contou cun importante apoio económico da Deputación de Ourense.