Premio

A Deputación outórgalle o título de honra de Filla Predilecta da Provincia á cardióloga Marisa Crespo

O presidente Luis Menor, recalcou que “estamos ante unha das persoas con maior prestixio de Ourense, unha eminencia da Cardioloxía” e recalcou que “grazas ao traballo, á traxectoria, á excelencia e a calidade humana e profesional de Marisa, facemos un Ourense máis grande, unha provincia mellor”

Óscar Gómez

Ourense | 08.07.2024 08:01

A Deputación outórgalle o título de honra de Filla Predilecta da Provincia á cardióloga Marisa Crespo
A Deputación outórgalle o título de honra de Filla Predilecta da Provincia á cardióloga Marisa Crespo | onda cero

O presidente provincial, Luis Menor, recalcou ante o ateigado salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, que “estamos ante unha das persoas con maior prestixio de Ourense, unha eminencia nun ámbito tan especializado como a Cardioloxía” e recalcou que “grazas ao traballo, á traxectoria, á excelencia e a calidade humana e profesional de Marisa, facemos un Ourense máis grande, unha provincia mellor”.

Marisa Crespo agradeceu emocionada o recoñecemento da Deputación, e articulou un discurso centrado nos seus grandes piares: a súa terra, a súa profesión e a súa xente. Lembrou que é natural de Santrós, parroquia de San Martin de Lamas, no concello de Cea, de fama internacional polo seu pan “onde o pan é arte”.

Tivo un recordo para os seus pais Mº Generosa Leiro e Modesto Crespo. “Parecese que os seus nomes dalgunha maneira ensináronnos á miña irmá Maria e a min o camiño da entrega e da discreción. A miña nai mestra, filla de mestres e moi vocacional. No seu obituario díxose dela “que puxo en práctica todas as benaventuranzas. O meu pai, Modesto, industrial madeireiro (que non puido ter estudos superiores) mostrounos a relevancia dos valores: honestidade, afán por aprender e capacidade de gozar coa tarefa diaria. A miña irmá Maria, médico do centro penal de Pereiro Aguiar, un exemplo de compromiso e entrega cos demais”.

Lembrou que a súa primeira escola foi no medio dun monte e sen luz eléctrica, en contacto pleno coa natureza. Logo, interna no colexio carmelitas de Ourense, estudou Medicina en Santiago de Compostela. No hospital Cristal-Piñor fixo prácticas de medicina coa Dra Pilar Lamela, e o curso rotatorio de 6º medicina no Hospital Santa Maria Nai, co Dr Manolo de Toro, no servizo de Medicina Interna que dirixía o Dr Jose Fernández. Especialista en Cardioloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid, destacando ao seu mentor Luis Pulpón. Tras apenas 1 ano de traballo en Toledo, como cardiólóga, desde 1993 traballa no CHUAC (A Coruña) , onde dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante cardíaco.