Igualdade

A Deputación promove un estudo sobre o rol das mulleres no audiovisual galego

“Este traballo, pioneiro no cine galego, verá a luz na vindeira edición do Festival de Cine de Ourense, que comezará o 24 de setembro”, sinalou Manuel Baltar

Óscar Gómez

Ourense | 06.04.2021 09:20

A Deputación promove un estudo sobre o rol das mulleres no audiovisual galego
A Deputación promove un estudo sobre o rol das mulleres no audiovisual galego | onda cero

A Deputación de Ourense promove un estudo sobre o rol das mulleres no audiovisual galego, tanto desde o ámbito profesional como dos contidos das diferentes producións estreadas en Galicia en 2020, cuxos resultados serán presentados na próxima edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) que comezará o 24 de setembro. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, a representante da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), Chelo Loureiro, e a presidenta da Fundación “Carlos Velo”, Carmen Leyte, asinaron esta mañá no Pazo Provincial o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo este traballo que, segundo reflicte o documento, abre unha vía de colaboración con continuidade para posteriores estudos sobre a industria audiovisual en Galicia.

O convenio recolle a importancia do audiovisual como ferramenta para promover valores con perspectiva de xénero a través do cinema e as series que emiten canles e plataformas de televisión. O punto de partida para este estudo serán as series, películas, animación e series web de produción ou coprodución galega emitidas en cadeas públicas, privadas ou plataformas de pago e posteriormente na TVG.

Manuel Baltar afirmou que esta é “unha iniciativa cargada de relevancia pois supón un paso nunca dado ata agora”, poñendo en valor que sexa na próxima edición do Festival de Cine de Ourense onde se presenten os resultados do estudo, “nunha cita tan importante para o cinema en Galicia que no seu momento decidimos potenciar desde a Deputación coa axuda da Fundación “Carlos Velo”, apoio que está a dar os seus froitos como vimos onte coa estrea de Cuñados, esa gran comedia galega rodada en Ourense”. “Agora damos un paso máis”, apuntou Baltar, “facendo unha mirada introspectiva cara o audiovisual galego para ver a situación real da muller, para fixarnos novos retos e ser autoesixentes”.

Chelo Loureiro agradeceu o apoio da Deputación de Ourense para este estudo, “que non só analizará a situación da muller desde todos os puntos de vista do oficio audiovisual, senón tamén da representación feminina en todos os seus contidos”, e Carmen Leyte destacou que “o mundo audiovisual, ademais de divertimento, é especialmente educativo e como tal tamén temos que saber empregalo”, sinalando que “Carlos Velo estaría moi orgulloso desta iniciativa, como tamén o estaría onte se estivera sentado no Principal vendo unha longametraxe rodada en Ourense”.

A través da información compilada no estudo sobre as personaxes femininas e masculinas destas producións analizarase o tipo de relacións que teñen entre eles, roles, estereotipos de xénero que transmiten e situacións de violencia de xénero, estudando así o seu impacto real. Tamén se analizará se as temáticas e o tipo de personaxes e de roles que se mostran teñen algunha relación coa composición por sexo do equipo de dirección e produción.

Ademais, o traballo permitirá elaborar material didáctico para actualizar os ensinos relacionados coa Comunicación Audiovisual e escolas de Imaxe e Son, e noutros ámbitos educativos.